Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O río dos Fontáns, que ven de Santo André de Xeve, chega ao Lérez entre muíños, formando unha pequena pero agradábel praia fluvial natural

San Xerome na Basílica de Santa María

 

No inmenso retablo en pedra co que nos recibe na súa portada a basílica de Santa María chama a atención ver un santo con anteollos. Non é outro que San Xerome, un dos doutores da Igrexa, que aquí aparece acompañado por outros tres, San Agustín, San Gregorio Magno e San Ambrosio. Cada un ocupa un lugar simétrico na cara exterior do primeiro corpo da fachada, nas súas cátedras e baixo un dosel en forma de cuncha de vieira.
 
San Xerome é un dos santos máis representados ó longo da historia, e sempre é facilmente recoñecible polos seus atributos, que o identifican coas diferentes pasaxes da súa vida. Na portada pontevedresa está representado co capelo cardenalicio, unha caveira ós seus pés, un león acariciando o seu xeonllo, ademais de aparecer ollando un folio e cos anteollos postos.
 
 É unha mestura das dúas posibilidades máis habituais para a súa representación, a do intelectual e a do ermitán. O león, unha das bestas que el mesmo describiu, era a súa compañía cando marchou ó deserto a facer penitencia. Como símbolo desta acción tamén se dispón ó seu carón a caveira, polos seus pecados, entre os que figuraban o orgullo e o mal xenio. As súas longas tempadas no deserto fixeron a súa fisionomía enxoita e coa pel pegada ós osos.
 
Cando volveu á cidade foi chamado para substituir a San Ambrosio como secretario ante un Concilio papal co que se descubriu a súa sabedoría. Perfecto coñecedor do latín, o grego e moitas linguas máis, recibiu entón o encargo do que sería a súa grande obra, a tradución da Biblia, que se deu en chamar 'Vulgata', porque era unha tradución accesible para o pobo, tamén chamado vulgo. Esa foi a Biblia oficial durante quince séculos dentro da Igrexa, co que a importancia do personaxe está fora de dúbida para a súa inclusión nunha gran portada adicada á Igrexa.
 
Cos seus anteollos o santo alude a toda a súa vida adicada á lectura e ó traballo con textos antigos. Pola súa condición de intelectual da Igrexa represéntase sentado ante numerosos pergamiños. Aínda que os anteollos non eran un elemento moi frecuente na representación dos santos, o que singulariza a nosa peza fronte a outras do momento.
 
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 18.06.2018 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.