Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Pontevedra era o maior porto de Galiza no século XV

Ruinas do Convento de San Domingos

 

 
Clarisas, franciscanos. Polo seu crecemento, no século XIII a cidade presentaba moitas almas que gañar para a fe, e así, os Dominicos tampouco quixeron quedar fóra. Na súa 'Historia de Pontevedra', Xosé Fortes Bouzán amosa a importancia que tivo este templo, que puido ser rapidamente construído grazas ás doazóns da fidalguía local que pedía ser soterrada nel, co que sempre estivo ben subministrado de colaboracións que permitiron a súa rápida construción. Este autor atopou documentos nos que se fala da presenza de frades dominicos na zona da Moureira no ano 1283. En 1305 a congregación xa tiña os terreos e construira parte do complexo relixioso que se iría aumentando en datas sucesivas.
 
Así, en 1330 comenzaríase a capela maior, en 1360 unha das menores e durante o século XV aínda se estaría executando a obra. Na actualidade conservamos, grazas á intervención dos homes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, que a finais do século XIX impediron que fose derrubada, a cabeceira, o testeiro sur e o conxunto de arcos da entrada á sala capitular. Agora é propiedade do Museo Provincial, que mantén vivo así un dos máis fermosos edificios medievais da cidade, no que dispón dunha gran colección de labras heráldicas e restos arqueolóxicos de diferentes edificios da cidade.
 
No seu tempo debeu ser espectacular, xa que non existe en Galicia ningún outro convento dunha orde mendicante con cinco ábsidas na cabeceira. Unha cabeceira que cara o exterior conserva a típica imaxe do Gótico mendicante galego, con esveltas fiestras apuntadas entre contrafortes con chanzos. Esta cuestión, xunto co importante número de monumentos funerarios que nel atopamos, deixa constancia da súa importancia económica. Aquí figuran benefactores como Tristán de Montenegro ou Pedro Álvarez de Sotomayor, que dispoñen do seu enterramento. 
 
O terremoto de Lisboa de 1755 deixouse notar con gran forza na cidade de Pontevedra, afectando moi gravemente a esta construción. Cando se iniciou a súa reconstrucción atopouse co proceso desamortizador, caendo no abandono ata que a Sociedad Arqueológica a salvou do derrubamento.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.