Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A capela de San Roque estaba antes nas Corbaceiras. Foi trasladada á súa ubicación actual en 1861

Rosetón do Convento de San Francisco

 

E das tebras xurdiu a luz. Durante moitos anos a portada da igrexa do Convento de San Francisco estivo pobremente pechada por unha fiestra. As incipientes fotografías da cidade amosan ese triste baleiro enreixado que nalgún momento veu substituír o rosetón que posiblemente se instalaría no seu proceso constructivo o longo dos séculos XIII ou XIV, sendo o primeiro documento alusivo ó convento unha manda testamentaria que data de 1274. A longa historia da comunidade franciscana na cidade ten moitos capítulos merecedores de estudo, interesanos o seu rosetón, que, de recente factura, agocha nas súas vidreiras as luces non só do convento onde se atopa, senón tamén doutra gran institución da cidade, a Coral Polifónica.
 
As indagacións sobre o rosetón, levan a pensar que a súa construción se debeu facer na década de 1920. A volta dos franciscanos a Pontevedra, trala desamortización de 1835, produciuse en 1909, e a partir de aí fóronse acometendo unha serie de obras para facer fronte ós anos de abandono. Na realización de melloras nalgún momento despois de 1919 -unha fotografía do convento desa data aínda mantén a fiestra- decidiuse a colocación do rosetón. 
 
Ollando unha fotografía na que xa se atopaba instalada a fonte dos xardíns de Casto Sampedro, trasladada alí en 1928, aínda atopamos a fiestra cadrada. Polo que coido que a peza se instalou entre o ano 1928 e 1930, nun periodo no que da man de nomes como Castelao ou Casto Sampedro se procedeu a reformar elementos do patrimonio local como a propia fonte, o rosetón ou unha gran balconada no edificio Castro Monteagudo. 
 
Xosé Sesto coñeceu a Castelao no coro de San Francisco, debuxando un rosetón, de cara a súa restauración ou ben para a execución dun dos fermosos telóns, o chamado 'Exultate Deo' que Castelao creou en 1926 para a Coral Polifónica, no que conserva a tracería en pedra do rosetón franciscano, que ben puido partir dos restos do que se atopa en San Domingos. Castelao substitúe os motivos vexetais por un apostolado nos ocos do centro, cunchas e filacterias coas inscricións dun salmo de Palestrina, que foi o interpretado pola Polifónica o 26 de marzo de 1926.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.