Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Av. de Montero Ríos e a Alameda ocupan o espazo que antes pertencía ás hortas do convento de San Domingos, do que só quedan as ruinas oxivais

Rehabilitación do Mercado de Abastos

 

Dignificar a arquitectura. Esta pode ser unha das máximas do arquitecto pontevedrés César Portela, algo que se rastrexa en toda a súa arquitectura, unha obra comprometida co seu sentido orixinal, aquel xa tantas veces esquecido de servir para acoller ó home e facilitarlle a súa vida, de non caer en vaidosas construcións de forte presenza visual pero inhabitables por dentro.
 
César Portela ten a súa pegada en diferentes puntos da cidade, algúns deles máis visibles, como o propio Mercado de Abastos. Pero tamén ten outras intervencións quizais máis vencelladas coa súa memoria e a dos seus antepasados. Éstas ás que me refiro son as intervencións en parte do noso patrimonio, como o Santuario da Virxe Peregrina ou a Basílica de Santa María.
 
O Mercado de Abastos é, sen lugar a dúbidas, un deses modelos do que representa a dignificación do arquitectónico, xa que ante unha tipoloxía que nos podía levar a pensar nun certo descoido das súas calidades, porque se podería considerar que o seu fin utilitario non o requiría, o que se fai é todo o contrario, amosando unha forte consideración polos seus usuarios. Tamén pola construción orixinal, respetada na súa estrutura do ano 1948, obra do arquitecto municipal Emilio Quiroga.
 
César Portela mantén a traza ecléctica, de canteiría de granito, actualizándoa dunha maneira exemplar coa integración de novos materiais e a apertura de vistas ó río Lérez, ademais de facilitar o traballo dos seus usuarios, tanto vendedores coma mercadores dos produtos que nel se ofertan, coa creación dun aparcadoiro soterrado, a instalación das diferentes bancadas, que se integran nunha construción que serve ademais para a dinamización dunha zona monumental necesitada destes motores económicos.
 
Cando se inaugurou, en 2003, César Portela deixounos o mellor Mercado de Galicia, a través dun escrupuloso xeito de entender a arquitectura no seu senso final, o de acoller ó home e abrirlle as súas posibilidades. Dende sempre así o fixo, o que lle valeu o Premio Nacional de Arquitectura no ano 1990. Dende ese ano a súa arquitectura é aínda mellor, fíxose máis sobria e sinxela.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 20.10.2011 polo Concello de Pontevedra.