Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A porta da Delegación de Facenda, na Ferraría, era a Porta de San Domingos, da antiga muralla da cidade

Pontevedra na contraportada de Santa María

 

Trala restauración á que se viu sometida no ano 2002, un dos conxuntos escultóricos máis fermosos de Pontevedra foi recuperado para o noso gozo. É a contraportada da basílica de Santa María un enorme conxunto de relevos onde se crea unha lectura inxeniosa que advirte ó home a través de setenta e oito escenas dos males que o agardan fóra do templo relixioso. De aí a súa estudada colocación no lugar dende o que o fiel sae a rúa, como un recordo último das palabras e promesas que se realizaron no interior da igrexa.
 
Xunto a esas escenas figuran dúas esculturas, un San Pedro, que procede da antiga igrexa, e un Santiago Peregrino, que substitúe a un San Sebastián que se conserva no Museo. Juan Juega Puig, historiador que documentou o proceso da restauración e que o estudou a fondo, sitúa este retablo pétreo en dúas datas, unha primeira parte que establece en 1541, máis do gusto renacentista, e outra máis avanzada no que se aprecia un maior minimalismo, que sería do ano 1570.
 
O mesmo autor comenta que o conxunto está dividido en dúas partes nas que unha fai de contrapunto da outra. Así, unha delas reflicte as andainas do home polo mundo e os perigos que o asexa e, dependendo do camiño que elixa, segundo este sexa correcto ou non, así lle irá na vida. No caso de non facer o correcto, orixínase todo un imaxinario demoníaco que amosa o fin do home pecador.
 
Atopamos un novidoso conxunto de imaxes que xorden tanto de pasaxes bíblicas, entre as que distinguimos a Creación, Adán e Eva, a árbore do ben e o mal, Caín e Abel, a arca de Noé, entre outros, xunto con fábulas como a da raposa e as uvas. Entre elas inclúense representacións realistas de paisaxes naturais e urbanas. 
 
De gran interese é a que se considera a primeira representación física da cidade de Pontevedra. Nela vemos unha cidade na que se atopa unha ponte amurallada, como era a do Burgo. Esta idea do artista remite a moitos dos trípticos de El Bosco, quen plantexou, décadas antes, moitas veces ese esquema, baseado nunha zona na que se amosa a creación do señor, e o mundo do castigo a quen polos seus actos non soubo valorar a súa obra.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.