Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Basílica de Santa María é unha mestura entre o gótico tardío e o renacemento

Ponte dos Tirantes sobre o río Lérez

Cidade de pontes, de orelas opostas onde se desenvolve a vida da xente. Pontevedra ten nas pontes a orixe do seu nome, aquel 'Ponte Veteri' con que é nomeada no Fuero concedido polo rei Fernando II. A desaparecida estrutura romana que permitiría o paso á mansión que baixo o nome de Turoqua, afirma Antonio de la Peña Santos, atopábase neste punto da vía XIX, deixou no medievo paso á Ponte do Burgo, que moitos séculos despois, ata o 1905, non se viu acompañada por outra ponte, a da Barca. 

 
A ponte do ferrocarril en Monte Porreiro e tras ela a Ponte Nova xa nos oitenta, ou a da autopista, para xa en maio de 1995 construirse a coñecida como Ponte dos tirantes. No ano 2004 esta ponte foi incluída nunha relación das 33 pontes máis singulares de España. Tendo en conta que once delas eran pontes históricas, diremos que a nosa ponte, dentro das obras do século XX, estaría entre as 22 máis sobranceiras. 
 
Esa presenza é máis que merecida, xa que a súa estética, xunto á súa audacia construtiva, define un dos elementos visuais da estética pontevedresa. A ponte é obra dos arquitectos Leonardo Fernández Troyano e Javier Manterola, e nela ambos amosan a súa mestría neste tipo de proxectos, dos que teñen exemplos na Península, coma a Ponte Euskalduna en Bilbao, ou a Ponte da Barqueta en Sevilla. 
 
A ponte é de tipo atirantado cun van único e contrapesos. A torre, ubicada nun dos seus extremos, presenta dúas inclinacións, o tramo superior, sobre o taboleiro, está inclinado cara a terra, e o tramo inferior, baixo o taboleiro, cara a auga. Esa dobre inclinación segue a traxectoria da resultante de forzas na torre, debidas ós tirantes, á que se suma a compoñente horizontal do taboleiro. 
 
Pero o certo é que, lonxe das apreciacións técnicas, contemplada dende calquera punto de vista, o seu entramado é un espectáculo amoldado polas condicións meteorolóxicas. As variacións de luz, ou a intensidade do vento, modifican a nosa percepción dunha ponte que chega a falar cando o vento cimbrea os seus tirantes. O seu zumbido engaiola a nosa mente e funciona como un axóuxere para os que a cruzan.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.