Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

As ruínas de Santo Domingo son a cabeceira do vello convento, con 5 ábsides de finais do século XIV, a maior construida polos dominicos en Galiza

Ponte do Couto en O Marco, Tomeza

 

As orixes de Pontevedra antes do seu crecemento medieval son motivo de moitas discusións, e foron froito de grandes erros baseados por exemplo na incorrecta identificación das vías romanas, auténticas vertebradoras da antiga realidade xeográfica, e que acollían en diferentes puntos do seu trazado mansións romanas arredor das cales, debido á súa importancia, se iría asentando a poboación.
 
O erro de colocar Pontevedra a orelas da vía XX, a coñecida como Per Loca Marítima, na que se inscribía a mansión Ad duos Pontes, desbotouse completamente coa aparición  en Pontevedra, nas excavacións nas inmediacións da Ponte do Burgo, dun miliario do emperador Adriano datado no ano 134 da nosa era, e que o arqueólogo Antonio de la Peña Santos foi quen de vencellar ó itinerario da vía XIX, ubicando na nosa cidade a mansión coñecida como Turoqua.
 
Esta vía tiña moitos paralelismos co trazado do camiño de peregrinaxe portugués a Compostela, e que, seguindo a lóxica tantas veces desprezada, transcorrería polos lugares máis favorables, eludindo os accidentes xeográficos, para o camiñante. É así como entraría en Pontevedra bordeando o río Gafos e internándose pola ponte do Couto, onde foi descuberto un 'cipo' conmemorativo da reparación da vía en tempos de Maximino e Máximo, cara o ano 238 d.c. Hoxe en día trabállase na recuperación desta Vía XIX como xeito de achegamento a unha realidade esquecida ó longo do tempo e que podería ofrecer a recuperación de moitos espazos que o seu redor se xestaron e que se empregarían como foco de atención para o cidadán.
 
Queda aínda por demostrar que a actual estrutura que se mantén en pé pertence a época romana. Os últimos estudos que sobre ela se fixeron achegan datos a falta de máis consideracións sobre a alta probabilidade de que así sexa, o que a convertiría na primeira ponte romana de toda a provincia de Pontevedra, e a terceira en Galicia. O arqueólogo da Deputación Provincial, Rafael Rodríguez, aprecia similitudes na súa estrutura, dous arcos de medio punto e cinco metros de ancho, con outras pontes desta época.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.