Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Igrexa de San Bartolomé atesoura imaxes de Pedro de Mena, Gregorio Fernández, Pedro de Campo ou Bieito Silveira, das escolas compostelá e castelá.

Piares da ponte de Ponte Sampaio

 

 
No fondo da ría de Vigo esta ponte une cos seus extremos os concellos de Pontevedra, pola súa parroquia de Ponte Sampaio, e Soutomaior. As súas arcadas son testemuñas do paso das xentes, de peregrinaxes, de loitas, de intercambios entre pobos. As súas pedras, mudas, deixan constancia da importancia destas construcións para o home tantas veces menosprezadas fronte a outros elementos arquitectónicos. Sempre estará no seu recordo a batalla que en xuño de 1809 se disputou contra as tropas de Napoleón, baixo o mando do xeneral Ney, que tras a súa derrota viron truncado o seu paso cara o Sur da provincia, feito que resultou determinante de cara á marcha dos invasores de Galicia.
 
Os datos da súa orixe non son moi precisos, aínda que pola súa estrutura semella ser medieval. As bóvedas son de dous centros e lixeiramente apuntadas, amosando uns piares dunha enorme potencia física que incluso chegan a parecer esaxerados. Os ollos da ponte son dez, os mesmos que tiña no século XIX, polo que dende entón non sufriu variacións. Chegáronnos ata hoxe documentos sobre a súa vida, e así, a mediados do XIII sabemos que a ponte recibía mandas nos testamentos por atoparse sobre un camiño de peregrinación, estando defendida por un castelo no que se cobraba tributo.
 
Diferentes reconstruccións nos séculos XVI (segundo un acordo coa cidade de Ourense, supoñemos que para facilitar os intercambios económicos coa puxante e mercantil Pontevedra) e XVIII (pola construción da estrada entre Santiago e Tui, custeada polo arcebispo natural de Salcedo, Santiago Sebastián Malvar y Pinto, que tamén afectou a outras pontes do percorrido) configuraron máis ou menos o estado actual da ponte, que si viu un importante arranxo tras o enfrontamento cos franceses, como se recolle nunha inscrición dunha das lápidas colocadas en 1818.
 
Dúas inscricións perdidas facían referencia a ese arranxo, así como outra delas deixaba constancia da intercesión da Igrexa Compostela para a reparación anterior. A desviación de gran parte do tráfico que soportaba pola estrada cara a Vigo permitiu que a ponte se conserve nun estado aceptable.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 12.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.