Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Pedro Madruga, como se coñecía a Pedro Álvarez de Soutomaior, o gran nobre galego do século XV, estivo enterrado en San Domingos

Peto de ánimas en Campañó

 

Campañó é unha parroquia rica en vestixios prehistóricos, aínda que nos atopamos con que estes se encontran en moi mal estado, nun abandono que, como ocorre con este tipo de manifestacións artísticas do home en moitas partes de Galicia, impide que nos deteñamos nalgún deses exemplos, polo que falaremos dun fermoso peto de ánimas que nos vai permitir amosar un dos elementos etnográficos máis habituais na nosa xeografía, baseado no culto ás ánimas do purgatorio.
 
Este peto de ánimas atópase no lugar de Ribeiro, en Casalderrei, nun cruce de camiños, e nel vemos unha dobre división en dous fornos. No superior atópase un Cristo crucificado co INRI sobre el, e no inferior un espazo para as ofrendas e a imaxe das ánimas entre as lapas, que probablemente chegaron a estar coloreadas, entre as que podemos distinguir seis cabezas. Rodríguez Fráiz, no seu traballo sobre 'Cruces e cruceiros de Campañó', xa recolle a súa existencia, así como a pervivencia do culto por parte dos veciños, xa que comenta que "nel nunca faltan frores e froitos da terra", algo que puidemos comprobar ó achegarnos a el para o seu estudo e ver unhas flores.
 
Este tipo de petos de ánimas é moito máis rico nas súas pretensións que os petos normais ou esmoleiros. A súa finalidade, ademais de buscar a esmola, é propiciar a oración pola alma do defunto que se atopa no purgatorio, e concienciarnos da nosa boa actitude neste mundo para non caer nese purgatorio, polo que en ocasións se inscriben frases alusivas a ese tema.
 
Estes petos tamén son máis 'agradecidos' para recoller esmola, xa que permiten non só a recollida de cartos, que normalmente se adicarán a pagar misas, rosarios, novenas ou oficios para a salvación desas ánimas, senón que tamén ofrecen un espazo no que deixar diferentes froitos saídos da terra para aqueles que non tiñan tanta dispoñibilidade economica (normalmente o millo e a pataca eran as ofrendas máis habituais). Este tipo de esmolas que non eran tan ben vistas dende a Igrexa, pero eran de bo proveito para os coidadores do peto ou o propio cura da parroquia.
 
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 17.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.