Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Ante o mal estado no que se atopaban as vellas casas do concello construídas no século XVI,o goberno municipal decide derrubalas en 1877 e edificar o actual consistorio

Peto da capela de San Caetano en Alba

 

Os petos son habituais entre os diferentes elementos de culto da nosa tradición etnográfica. Estes poden ser adicados ás animas do purgatorio, ou ben ós santos, como o do caso que nos ocupa, atopándonos ante un peto esmoleiro cunha adicación particular. Na parroquia de Alba, na súa capela de San Caetano, achegada á porta pola que entran os fieis na igrexa, atopamos unha pequena imaxe dun santo. É o propio San Caetano cos brazos levantados e as mans estendidas. Enriba del atópase unha cuncha, símbolo da peregrinación, xa que o camiño portugués a Compostela pasa preto da capela, e ó seu carón un pequeno caixón para as esmolas.
 
 San Caetano foi un sacerdote do século XVI beatificado no século seguinte pola súa gran labor de cara á piedade cos demais, chegando a fundar un hospital para enfermos, sendo o primeiro superior da orde que el mesmo creou, os Teatinos, inspirados nesa procura da práctica das obras de piedade. É polo tanto un santo que principalmente vai implorar para conseguir esmolas para as súas obras. Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez, que estudou con gran profusión este tipo de representacións de petos na provincia de Pontevedra, recolle a condición de 'Pai da providencia' deste santo, do que di vai asegurar o benestar da familia e os seus alimentos.
 
Nos seus 'Gozos', recóllese a seguinte expresión: "Cando me sento a mesa rézolle a San Caetano Padre da Providencia". Daí que resultase unha boa figura de cara a este tipo de representacións en petos. Ten a parroquia de Alba nesta capela un fermoso exemplo da súa arquitectura, co seu brasón na fronte dunha capela a que se lle deben engadir outras construcións importantes como a Casa Reitoral ou a igrexa de Santa María, de estilo barroco pero que conserva unha inscrición do arcebispo Xelmírez. 
 
De grande importancia foi o achádego dun miliario romano adicado a Caracalla, do que xa tiveron constancia os membros da Sociedad Arqueológica a principios de século XX. Outro dos seus atractivos é que se inclúe no camiño portugués de peregrinación a Compostela, no que se pode gozar de fermosas paraxes naturais polos seus sendeiros.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 12.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.