Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O Museo de Pontevedra foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1962

Os 36 xustos. A Illa das Esculturas

 

 
Nas ribeiras do Lérez, nunha illa artificial, creouse en 1999 un conxunto escultórico á imaxe dos grandes recintos artísticos ó aire libre. A integración da escultura na natureza ten en Pontevedra un espazo privilexiado na Illa das Esculturas, un lugar situado a uns dez minutos do centro onde doce dos máis importantes escultores contemporáneos estableceron un diálogo entre as súas pezas e o entorno. Un museo permanentemente aberto a que o paseante se achegue a el. 
 
É unha arte participativa na que as pezas reclaman esa presenza, mediante palabras, paseos, sensacións, reflexos, xestos e memorias, conformando un dos máis atractivos recunchos ás beiras dun Lérez en permanente diálogo histórico coa pedra e a súa significación cultural.
 
Nomes de tanta sona no panorama internacional como Ian Hamilton Finlay, Richard Long, Robert Morris, Jenny Holzer, Giovanni Anselmo, Dan Graham, Ulrich Ruckriem, Anne e Patrick Poirer, José Pedro Croft e os artistas galegos Fernando Casás, Francisco Leiro e Enrique Velasco atópanse na illa. Moitos foron iniciadores dos movementos artísticos que marcaron os camiños da escultura na segunda metade do século XX. Cada un deles ocupan un espazo onde as pezas se integran no seu lugar axeitado, no 'site' que demanda a escultura contemporánea, a cal, lonxe do pedestal, se funde na terra para, nunha especie de rito milenario, adoptar ó seu redor o seu propio espazo.
 
A nosa ollada recae na obra de Fernando Casás. Os seus 36 xustos son 36 bloques de granito negro de Campo Lameiro de diferentes medidas ó fondo da illa, entre un bosque de eucaliptos. A súa situación non é casual, a denuncia do eucalipto como unha especie foránea, depredadora dos nosos montes, en favor do rendemento económico, sérvelle ó artista para restituirlle a súa dignidade á natureza. A súa actuación arrinca do mito xudeu, no cal a xustiza, a harmonía e o equilibrio do planeta recae no quefacer dos chamados 36 xustos, que coa súa sabedoría aconsellaban á comunidade para manter esa espiritualidade. Agora, torturados, son a expresión de cómo unha especie pode aniquilar a outra.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.