Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O caserón dos Cruu e Montenegro, na praza de Méndez Núñez era centro da vida intelectual de finais do SXIX. Valle Inclán formouse na Biblioteca dos Muruais, que vivían neste edificio

Mural de Manuel Moldes na sede da Uned

Moitas veces as paisaxes non se atopan só no exterior. A maxia da arte, a capacidade do artista de xerar ilusións é capaz de sorprendernos. Isto acontece na sede que ten a UNED en Pontevedra. Alí, no seu 'hall' de entrada atopamos un gran mural do artista pontevedrés Manuel Moldes, no que a paisaxe se adentra nun edificio moi determinado e cun fin claro, o de ofrecer educación á xente.

 
Manuel Moldes é un dos principais nomes da nosa pintura. Dende os anos setenta empeza a crearse a súa linguaxe pictórica. A súa enerxía relampante, sinónimo da efervescencia creativa do home, da pulsión da pintura, vai ir lentamente esvaecéndose dentro dun discurso máis narrativo, con elementos da historia persoal do artista e unha figuración que devolvía ó home o seu espazo no cadro. Este xeito de pintar volcouse en 'Atlántica'. 
 
A partir desta cita, que se materializou en diferentes exposicións colectivas, a pintura galega xa non volveu a ser a mesma e o nome de Moldes tampouco. No ano 1987, no final deste movemento, o artista recibe o encargo de facer un gran mural na entrada da sede da UNED, un encargo nada sinxelo xa que estamos a falar dunha peza que finalmente tería 13 metros de longo e 2,80 metros de ancho. 
 
O autor asúmeo como unha nova loita, máis aínda se temos en conta que, a diferenza do que podería ser un cadro agochado nalgunha residencia privada ou museo, agora esta enorme peza permanecerá á vista. O mural leva por título 'O río da vida', e precisamente ese é o fío condutor, a transitoriedade da vida co nacemento, crecemento e desembocadura dun río que atravesa a nosa terra, chea de símbolos telúricos da nosa cultura, mergullados con símbolos do saber científico. 
 
Con ese río Manuel Moldes integra a natureza na arquitectura, o río Lérez que flúe a uns metros agora penetra no edificio, e nas súas beiras, temos ó home, a muller, a cultura popular, a natureza, a ciencia, a construción, os totems do pintor como o carballo, ou o cáliz, todo un conxunto de elementos que aparecen sutilmente relacionados, interconectados coma eses 'links' que posteriormente na súa obra serán esenciais, como o foron ó principio.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 26.05.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.