Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Na praza das 5 rúas vivía Valle -Inclán. E enfrente vivía o veciño de Valle-Inclán, como lembra unha frase pintada na parede

Monumento aos navegantes ilustres

 

Se algunha terra ten que honrar ós homes que saíron ó mar, esa é Pontevedra. Dende toda a xente anónima que, adicada ás labores diarias da pesca, fixo grande a vila pontevedresa, ata os ilustres navegantes que levaron a cidade por todos os océanos do mundo. Pontevedra vai ter unha débeda permanente con todos eles. Dende o barrio da Moureira, residencia de xente do mar, cun porto do que partiron grandes buques e estaleiros onde se fixeron grandes naves, aquí se fixo a nao Santa María chamada ‘La gallega’ que un Cristóbal Colón, hai quen di pontevedrés, ou mellor dito, de Porto Santo en Poio, levou cara o descobremento de América.
 
No ano 1959 descúbrese un monumento a todos estes nomes ós que, como reza nunha frase que nel se atopa, son "Los hombres de estas rías que hallaron gloria por los caminos del mar". O monumento está dedicado a eles, ós mariños e navegantes ilustres. Ideado como un gran muro pétreo que mira cara a ría, ou polo menos iso facía no ano da súa creación, lonxe dos posteriores desmandos urbanísticos que cegaron un fermoso mirador cara o horizonte, nel atópase, na súa parte superior, a representación en pedra dunha carabela, motivo que se volve repetir no gran van que se abre na súa parte inferior, onde nunha especie de mapa de coordenadas xeográficas se atisba outra embarcarción e unha rosa dos ventos. 
 
A carón do monumento unha grande áncora completa este conxunto que, na súa traseira, leva inscritos os nomes de ilustres do mar. Paio Gómez Chariño, Alvar Paz de Soutomaior, Alfonso Jofre de Tenorio, Juan de Nova, Pedro Sarmiento de Gamboa, Gonzalo de Vigo, Bartolomé e Gonzalo de Nodal, Juan de Matos, Enrique Mcdonell de Conde, José Gago de Mendoza e Casto Méndez Núñez.
 
Cada un deles deixou unha longa historia tras o rastro dos seus barcos. Uns foron militares, outros descubridores de terras ou rutas martímas, outros científicos... en definitiva xente que se botou ó mar para facer medrar as súas vidas e a da vila da que partiron na procura da inmortalidade, esa que acadaron non só para eles mesmos senón para esta vila aberta ó mar, aberta á historia. 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 12.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.