Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Na praza das 5 rúas vivía Valle -Inclán. E enfrente vivía o veciño de Valle-Inclán, como lembra unha frase pintada na parede

Monumento ao Canteiro en Verducido

 

Este monumento, erixido no ano 2000 no Pontillón do Castro, é unha ofrenda formal, un recoñecemento na propia pedra a un dos oficios que máis tradición ten na bisbarra de Pontevedra. Verducido e Tomeza son auténticas factorías de canteiros que, ó longo da historia, recubriron a pel da nosa terra co seu traballo en vivendas, concellos, monumentos, pontes ou cruceiros. A fisionomía dos nosos pobos non sería a mesma sen o labor destes homes, que dende antigo compuxeron un xeito especial de traballar e de sentir a pedra. De feito, chegaron a ter unha lingua propia, o verbo dos arxinas.
 
O desenvolvemento da arte da canteiría tivo a súa orixe na vinculación de moitas das terras do contorno pontevedrés á antiga provincia de Compostela, estando unidas xuridicamente a mitra compostelana. A obra da Catedral e todo o conxunto artístico da cidade do Apóstolo foron unha escola permanente para que a calidade dos canteiros destas terras fose medrando cos séculos.
Curioso resulta todo o vencellado a esa linguaxe case secreta, coñecida como verbo dos arxinas. 
 
Unha lingua propia que os gremios e sociedades de canteiros se negaban a ensinar a persoas alleas ó oficio. Moitos estudosos amosaron o seu interese por ela, e así, un traballo datado en 1810, realizado por José Arias Teijeiro y Correa, recolleu en parroquias da bisbarra de Lérez e Xeve un vocabulario de 63 voces. Houbo estudos posteriores, como o de Alfredo García Alén que, chegou a reunir preto de mil desas voces. 
 
Verducido decidiu dende o ano 2000 honrar anualmente a esta figura, para o que inaugurou un monumento no Pontillón do Castro, nun miradoiro natural sobre o val do que xurdiron moitos deses canteiros. A figura amosa a un home en pleno esforzo, labrando a pedra. Unha composición engrandecida pola fermosura da paisaxe, dende a que se ven moitas desas obras en pedra. Sobre unha base de catro metros, o conxunto acada unha altura de case oito. A partir dese ano, as xentes da bisbarra reúnense nesa paraxe natural para gozar dun día de festa e homenaxear a un deses homes que adicaron a súa vida ó traballo da pedra.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.