Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Casa da Luz, na praza da Verdura, chámase así porque no século XIX había unha fábrica de electricidade

Modillón no Convento de Santa Clara

 

Das tres ordes mendicantes que a finais do século XIII se instalan na cidade, é o Convento das clarisas o único dunha congregación feminina. A pé do camiño que se dirixía a Castela, sobre a súa orixe ésta sitúase nas ultimas décadas dese século, sendo o documento más antigo conservado unha doazón realizada ó convento no 1293. Moi sinxelo arquitectónicamente, posúe unha soa nave, carece de cruceiro e a súa cuberta é de madeira.
 
A súa fachada cara a rúa Santa Clara presenta dúas portas, unha de medio punto e outra apuntada, unha dobre fiestra e numerosos modillóns na súa cornixa. Eses modillóns remátanse de xeito figurativo con aspectos zoomórficos, é dicir, diferentes representacións de animais que nos permiten compoñer un escenario a base dun dos habituais vestiarios que o mundo medieval amosou como xeito de educación cara o fiel. Procedente do mundo grecorromano, bizantino ou persa, o vestiario fantástico é aproveitado polo cristianismo para realizar as súas lecturas didácticas cara o home, mediante as diferentes significacións que os animais posuían.
 
Daquela dispoñíanse animais relacionados co ben e co mal, entre os primeiros as aves, pombas, aguias cegoñas, e entre os negativos o mono, a serpe ou o coello. A nosa ollada pousa nesta ocasión nun modillón da portada setentrional, no que unha figuriña parece querer representar un mono. Símbolos negativo, e ó parecer este viña a significar o grotesco do home, pola súa semellanza con el. Na tradición cristiá tamén vai encarnar todo o que se conserva no home de infrahumano, a lascivia, a gula, o egoísmo ou a avaricia. 
 
Varios tratados foron cualificando estas imaxes como elementos útiles para a educación do home, ese 'exemplum' moral que proporcionaba o vestiario ofrecía os modelos que adoptar na vida ou dos que fuxir. O Convento, coa súa longa historia de novicias, de abadesas que o dirixían e de intermediacións cara a bonanza climatolóxica, posúe esa chamada á educación do home, por medio duns animaliños que nos falan de virtudes e vilezas, pero sobre todo nos amosan un tempo no que a educación tiña nos muros das igrexas un espazo privilexiado.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.