Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

As ubicacións das esculturas da Illa do Cobo fóron elixidas por cada un dos seus autores

Mausoleo de Andrés Muruais en San Mauro

 

Os cemiterios son, moitas veces, lugares repudiados, espazos arredados dos nosos lugares de lecer, desprezados polo papel que ten a morte nas nosas vidas. Se nos fixaramos un pouco e desbotaramos os nosos prexuízos, atoparíamos neles asombrosas olladas nas que deter a vista. Lugares para a reflexión, para atrapar un silencio tan prezado como difícil de obter nos nosos tempos. No cemiterio de San Mauro en Pontevedra, son moitos os monumentos funerarios que o permitirían.
 
A nosa ollada detense no mausoleo dos Irmás Muruais, onde figura un busto de Andrés Muruais realizado polo escultor compostelán Isidoro Brocos. O mausoleo foi sufragado polo propio pobo pontevedrés en recoñecemento polo seu amor a Pontevedra. Os irmáns Muruais alentaron coa súa actividade gran parte da vida cultural e social da Pontevedra do último cuarto do século XIX.
 
Andrés Muruais e Jesús Muruais naceron en Pontevedra, o primeiro licenciouse en Medicina e o segundo en Dereito e Filosofía e Letras na Universidade Compostelana. Ambos se adicaron á creación literaria, a labor xornalística e sobre todo a converter Pontevedra nun lugar cunha vida somerxida e que de vez en cando saía á superficie. As numerosas publicacións da época na cidade acolleron os seus escritos reivindicativos dunha Galicia culta e intelixente, consciente da súa percepción rexional e cunha fonda esixencia social.
 
Eles, xurdidos dos tempos postromanticistas, acuñaron historias e lendas na Pontevedra da época como a do Urco que recolle no interesante estudo que sobre as súas figuras realizou José Antonio Durán. Jesús Muruais era o contrapunto do seu irmán; máis apoucado, foi mestre de Instituto en Pontevedra, séndoo do mesmo Vallé-Inclán. 
 
A súa relación co escritor de Vilanova de Arousa foi permanente e intensa, e varios libros deste foron adicados a quen tantas portas lle abriu. Non só como mestre, nin sequera as da súa propia casa, senón as portas da modernidade. Na súa biblioteca coñeceu as publicacións que chegaban directamente de París. Berce do erotismo, da sensualidade, e dos novos tempos literarios que deixaron pegada no mozo Valle-Inclán.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.