Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

No interior de Santa María: Cristo do Desencravo (s. XVI), o Cristo dos Mariñeiros (s. XVIII) e as abraiantes bóvedas de crucería.

Mansardas no edificio do Casino Mercantil

Na Praza de Curros Enríquez érguese, solitario e maxestuoso, un enorme edificio, a cabalo entre o século XIX e o XX no que se resumen moitas das situacións urbanísticas daquela Pontevedra finisecular que creaba novas edificacións para unha cidade tamén nova. Co seu estilo ecléctico, acolle actualmente a unha das entidades sociais con máis tradición na cidade, o Casino Mercantil.

 
A finais do XIX Pontevedra derrubará moitos vestixios do pasado, entre eles as súas murallas, pero tamén edificios que formaron parte da súa historia. Foi o caso do que se atopaba no lugar onde agora está a sede do Mercantil, o Hospital de San Juan de Dios, chamado así por ser os irmáns desa orde os que o xestionaban. O Hospital xa fora fundado no século XV como 'Hospital do Corpo de Deus' e atopábase a carón do camiño portugués de peregrinación a Compostela. Os debuxantes da Sociedad Arqueológica deixaron fiel testemuña da súa presenza física e da súa fisionomía.
 
A necesidade de expansión da cidade, a construción do novo centro, ou a perda do hospital por parte da Igrexa debido ó proceso desamortizador fixeron que se procedese ó seu derrubamento en 1896. A nova burguesía, o funcionariado en definitiva as novas clases sociais que xurdiron na Pontevedra do século XIX, coa importante presenza da capitalidade provincial na vila do Lérez, fixeron que hoteis, cafeterías, comercios, locais recreativos, etc, foran configurando a estampa dunha vila moderna. Así é como consta no Concello, na licencia outorgada a Don Saturno Varela en 1897 para que en parte daquel terreo se edifique unha nova construción adicada ó comercio.
 
Nela unha histórica ferretería simbolizou aquel lugar como o da ferretería Varela, nome que segue vixente nun negocio trasladado a un baixo no inicio da rúa Don Gonzalo. O edificio de tres alturas remata dunha graciosa forma, co emprego dunhas fiestras de tipo mansarda, moi do gusto da arquitectura francesa e que alixeiran a fisionomía xeral do edificio, que se asemella a un gran hotel, referíndome a como chaman na arquitectura francesa a un pazo urbano no que a arquitectura do eclecticismo tiña posto o seu punto de mira.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.