Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A fonte da Ferraría foi colocada donde está agora, en 1930, xa que antes estaba no centro da praza

Lápida no lampán dos xudeos

 

En outubro de 1998 o Concello de Pontevedra decidiu colocar unha lápida nun lugar que dende sempre foi considerado como próximo á cultura xudía. Diferentes topónimos así o amosaban, e así, este Lampán dos Xudeos ou Campa dos Xudeos xa aparece referenciado nunha escritura de venda do ano 1537 co topónimo Campa, que en galego e portugués ten entre as súas acepcións o sentido de pedra ou lousa que cubre unha sepultura. Tamén Casto Sampedro falaba da 'Picota dos xudeos' nun lugar próximo á Basílica de Santa María. 
 
Non son moitos os vestixios desa cultura en Pontevedra, aínda que si se sabe pola aparición de nomes hebreos que existía unha comunidade xudía, coñecida como 'aljama', na nosa cidade. Polos traballos de historiadores como Xosé Fortes Bouzán, Juan Juega Puig ou José Manuel Pereira sabemos desa relación de nomes. Que houbese, nunha vila próspera como a Pontevedra do século XVI, unha gran mobilidade mercantil, asentada unha comunidade xudía, non era nada estrano.
 
O gran descobremento tivo lugar no 2002, cando o facer unhas obras de rehabilitación nunha vivenda da rúa Dona Tareixa, con fachada cara o paseo de Santa María, o arqueólogo Juan Carlos Castro e o seu equipo atoparon dúas lápidas con inscricións hebreas. Quizais nos atopábamos ante o achádego arqueolóxico máis sobranceiro en Pontevedra tras a aparición no ano 1988 do miliario romano a carón da Ponte do Burgo, xa que viña a confirmar a presenza dunha comunidade hebrea na zona, e ademais, dada a localización das lápidas, achegaríanos á localización física onde se pensaba que podería atoparse o cemiterio.
 
Poder asegurar que existe un cemiterio falaríanos dunha comunidade de certa entidade, xa que para eles este espazo é dunha grande importancia dadas as súas concepcións relixiosas. Ademais, e por outros cemiterios atopados noutros lugares de España, todos eles responden a unha serie de características que definen como ten que ser ese lugar. Debe atoparse nunha elevación de terreo, formar unha ladeira, e debe existir preto del unha corrente de auga.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 17.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.