Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Teatro Principal e Liceo Casino edificáronse no solar de San Bartolomé O Vello, destruída en 1842

Introdución

 

Pontevedra é un tesouro. Un tesouro agochado nas súas rúas, prazas, monumentos, xentes e parroquias. Dende os séculos da historia ata o home do noso tempo, a cidade foi medrando, incrementando o seu valor como privilexiado espazo para desenvolver a nosa vida.
 
Facer do noso camiño diario por estes lugares algo máis que un simple tránsito é un sano exercicio de admiración á obra que a propia cidade foi quen de facer día a día, labrando as súas pedras, erguendo pontes, construíndo edificios, honrando ós seu homes, etc, grazas ó quefacer de moitas xeracións de pontevedreses que confiaron na cidade como exaltación das súas virtudes. Dende ese camiñar que todos facemos case a diario pola nosa cidade, é dende o que xorden estas ‘Olladas de Pontevedra’, na pretensión de desacelerar ese camiño tantas veces realizado como un automatismo, feito sen gozar do auténtico valor do que nos rodea.
 
Estas pequenas miradiñas buscan artellar en nós a sensación de que a partir dunha nova mirada pódese acadar unha forma diferente de achegarse á realidade, ás cousas que antes nos pasaban desapercibidas e que agora poden adoptar un novo senso. Son concienciadoras, polo tanto, desa riqueza histórica, cultural, social e vivencial que tivo e ten a comarca de Pontevedra durante toda a súa historia.
 
As ‘Olladas de Pontevedra’ son un xeito repousado de plantexarnos que a nosa cidade é un ser vivo, que nós mesmos facilitamos coas nosas accións de cara ó seu crecemento, para, nun proceso posterior, ela mesma devolvernos, aumentada en fantásticas visións, esa achega feita polos cidadáns. Esa é a gran clave de toda cidade, o papel dos seus cidadáns na súa integración coa cidade.
 
Todos nós como inquilinos permanentes, coas nosas pegadas irémola moldeando, configurando o territorio polo que movernos. A faciana dunha vila irá evolucionando, novas xentes con novas ideas, apostando por transformacións urbanísticas, crearán a cidade de cada momento, a que se corresponde cos diferentes períodos históricos, tamén se apostará por novas arquitecturas, que responderán ós novos plantexamentos desta disciplina; así, acción tras acción, algunhas máis e outras menos afortunadas, pero sempre coa cidade como fondo será como esta irá aumentando o seu valor, enriquecéndose vivencialmente, xa que irá creando o seu ‘pouso’ físico a través desa historia.
 
Rescatar estas olladas, unhas máis e outras menos coñecidas, supón para min un grande orgullo, o que se orixina de poder amosar á cidadanía gran parte do valor da cidade na que vivimos, na que os nosos lazos afectivos entre as persoas serían moi diferentes sen a proximidade á pel desta cidade.
 
Moitas veces, ó transitar por ela, un decátase da súa riqueza e fermosura, algo que sobrepasa xa o seu valorado casco histórico para estenderse polas zonas novas da cidade e ata as súas parroquias, as cales, pouco a pouco, van aumentado o seu valor separándose xa do que anteriormente era o seu reclamo, a Igrexa e as súas propiedades, para desenvolver novas actuacións baseadas na recuperación de arquitecturas, de espazos naturais ou de elementos etnográficos pouco valorados ó longo da historia, pero reivindicados agora como parte senlleira do seu patrimonio.
 
Da cidade é de onde parten o maior número destas olladas, nos diferentes tránsitos que por ela facemos, case dun xeito repetitivo, polas mesmas rúas, nas mesmas direccións e ás mesmas horas é cando obviamos, por ese uso diario, o valor dos elementos polos que pasamos habitualmente.
 
Un simple xesto, mover a cabeza, dirixir a nosa mirada a un lugar diferente, modificaría completamente esa visión, e permitiríanos recuperar eses fragmentos que singularizan a nosa cidade, convertindo uns traxectos, tantas veces apurados e irreflexivos polo noso xeito de vida, en viaxes á riqueza da propia cidade.
 
Ese é o fin deste libro, rescatar da rutina o que precisamente se escapa dela, o que nos permite soñar con esta cidade chea de encanto e de vida, unha cidade feita a escala do home, para o home e que ten no home o seu epicentro creativo, e na que calquera detalle nos achega á súa historia. Do mesmo xeito é tamén unha homenaxe ás xentes que traballaron por ela, creando a súa faciana ó longo dos séculos, ós que a estudaron dende diferentes perspectivas e que nutren este libro nos textos feitos con moitas das súas investigacións.
 
Todos eles, uns e outros, son o sustento destas ‘Olladas de Pontevedra’, feitas para que a xente atope nesta pequena vila ‘varada’ ós pes do Atlántico, na desembocadura do río Lérez, a fermosura dun lugar envexado por moitos e gozado polos cidadáns de Pontevedra, á fin e o cabo os verdadeiros protagonistas da cidade, os seus actores principais.
 
Debo agradecer finalmente o apoio do Concello de Pontevedra para a elaboración deste libro, así como a confianza depositada polo Diario de Pontevedra en min para o seu desenvolvemento. Un libro sustentado nas miradas do noso fotógrafo Rafa Fariña. Grazas a el tamén polo seu inxenio e agudeza na plasmación de detalles que a min mesmo se me escapan, a súa valiosa colaboración quedará xa para sempre no imaxinario pontevedrés.
 
Ramón Rozas Domínguez 
    O máis buscado
    Navegador

    O Concello

    Pontevédrate

    Áreas

    Pontevedra participa!

    E máis

    Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 20.10.2011 polo Concello de Pontevedra.