Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Pontevedra era o maior porto de Galiza no século XV

Interior rehabilitado da Casa das Campás

 

 
A Casa das Campás, coñecida tamén como edificio Pitillo polo bar que durante moitos anos se instalou no seu baixo, onde se facía o racionamento dos cigarros na época da posguerra, sufriu a súa renovación máis intensa no ano 2003. O proxecto, baixo a dirección do arquitecto Jesús Aser Fole Osorio, rematou coa recuperación dun patrimonio desprezado durante moito tempo e perdido para a cidadanía. 
 
A actuación propuxo unha triple resolución, de tres bloques estruturais, o edificio principal de tres plantas, o segundo edificio con fachada á rúa Don Filiberto e un terceiro edificio para o que se recuperou un alpendre do século XX. Os tres ábrense a un patio central que outorga unidade ó conxunto de pezas inmóbiles.
 
O arquitecto municipal Jesús Aser Fole Osorio desenvolveu os seus últimos traballos na recuperación de edificios e espazos da zona monumental de Pontevedra. Así, a súa man apréciase na Casa do Arco ou no Pazo de Mugartegui, dentro desa mellora xeral de edificios no casco histórico. A Casa das Campás afrontouse, polo tanto, como un elemento máis a recuperar nun casco vello castigado polo tempo. 
 
Considerada como a construción civil máis antiga da cidade, o seu escudo cunha garza, os arcos conopiales e a conservación dun sillar do século XV cun frade orando aparecido nas excavacións arqueolóxicas falan do seu pasado. En tempos estaba unida mediante un grande arco que cruzaba a rúa Don Filiberto co templo de San Bartolomeo o Vello, que se atopaba no actual emprazamento do Teatro Principal. A casa das Campás tamén é coñecida como a 'Casa do Pirata', xa que se di que nela viviu o famoso pirata Benito Soto e sobre ela se conta a lenda da existencia dun tesouro agochado nos seus cimentos.
 
O edificio vai manter o seu carácter ‘tectónico’ mercede á forza da pedra e a escaseza de fiestras, pero aliviarase cara o interior coa feliz resolución dos diferentes espazos que o compoñen e que o arquitecto soubo resolver, logrando unha multiplicidade de estancias nas que se integran novos materiais como o cristal ou o aceiro, xunto a luz que xera novas sensacións, permitindo conxugar o elemento tradicional coa modernidade.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 12.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.