Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

As ubicacións das esculturas da Illa do Cobo fóron elixidas por cada un dos seus autores

Imaxe de San Martiño na Igrexa de Salcedo

 

Na parroquia de Salcedo atopamos entre o seu rico patrimonio unha fermosa mostra de arquitectura neoclásica, a igrexa de San Martiño. A potencia da súa construción, lonxe de artificios estéticos, destaca pola contundencia das súas torres e a forza dos seus muros de pedra. Nela atópase unha sobranceira reliquia, a dun dos fillos de Salcedo máis egrexios, o arcebispo Malvar y Pinto, que viviu entre 1730 e 1795. O seu corazón, agochado nun mausoleo de chumbo, repousa no templo da súa parroquia.
 
É unha igrexa austera pero na que, se nos fixamos, entre os seus campanarios atopamos unha figura, aínda que a nosa vista a rentes do chan ó mellor non pode distinguir de quen se trata. É un home a cabalo, máis concretamente un militar que amosa unha tea a un home mancado que parece implorarlle. A escena representada é unha das pasaxes da vida de San Martín de Tours, un dos homes máis destacados da cristiandade e cun gran número de advocacións en diferentes lugares do mundo. O seu templo orixinal en Tours, onde repousan os seus restos, é un gran centro de peregrinaxe, e dende alí fomentouse o seu culto.
 
Esa escena recreada no templo de Salcedo remite a un dos episodios importantes na vida do santo, cando un día de inverno Martín, que pertencía á garda imperial de Roma, entraba na cidade de Amiens, onde un home espido lle pediu esmola. Martín, ó decatarse de que non tiña moedas, desenfundou a súa espada e cortou a capa que portaba para darlle a metade a aquel pobre home. 
 
Obxecto de burlas polos seus compañeiros, conta a lenda que aquela mesma noite foi recompensado, xa que durmindo viu a Xesús vestido co anaco de tea que lle dera a aquel home. En Galicia, lugar dun culto moi estendido, a súa celebración o día 11 de novembro une ó aspecto relixioso ó etnográfico, xa que vai marcar a chegada dunha das épocas ancestralmente máis sobranceiras no calendario galego, o inicio do período da matanza. Unha mistura de tempo festivo e de acumulación de alimentos para os duros tempos do inverno.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 20.01.2018 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.