Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A igrexa de San Bartolomeu construeuse entre 1696 e 1714. É de estilo barroco, coas influenzas romanas da época

Igrexa de Santa María dos Praceres en Lourizán

 

Foi o 30 de novembro, día de San Andrés, do ano 1888, cando na parroquia de San Andrés de Praceres se abriu ó culto a igrexa de Nosa Señora dos Praceres, rematando así coa necesidade da poboación dun novo lugar de culto, posto que era insuficiente a antiga capela de San Andrés. Non foi doado atopar o seu emprazamento, e ó final decidiuse por situala no lugar máis céntrico entre os dous extremos da parroquia.
 
Contrariamente ó que moitos pensan, ó atribuir esta construción ó arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmeros, foi o seu irmán Domingo, co que xa tiña asinado algún proxecto en común, como por exemplo o pazo da Deputación Provincial, o que presentou os planos e ó que se lle encomendou a súa execución, debido á súa condición de arquitecto diocesano de Compostela.
 
Os datos dos que dispón o cura párroco de Lourizán, D. Jesús Acuña Garrido, falannos de que a pedra procedía dun monte comunal da parroquia, o monte Valiñas, e de que a obra custou 76.000 pesetas, sendo a súa realización moi rápida, xa que se tardou pouco máis dun ano en construíla. A intercesión en Madrid de Eugenio Montero Ríos adiantou os procesos administrativos naquel momento.
 
Debemos lembrar a proximidade á igrexa do pazo do político e a súa forte vinculación con este templo no futuro, xa que en 1945 foron trasladados alí os seus restos mortais xunto cos da súa muller, onde repousan nun sinxelo monumento funerario. O templo, de pequenas dimensións, recupera modelos góticos na súa estrutura, froito dos postulados historicistas do momento, con contrafortes, arcos apuntados e un gran número de pináculos que lle outorgan á construción un sentido ascensional. 
 
No seu interior é venerada a Virxe dos Praceres. Celebrada o luns de Pentecostés, foi en tempos día de romaría no que se acercaban ata o lugar moitas persoas tanto de Marín como de Pontevedra, onde incluso se chegaba a pechar o comercio. Tamén nela se conserva unha imaxe de San Xosé procedente da antiga capela que existía en Pontevedra, e que foi levada a ombros dende aquel templo ata o de Nosa Señora dos Praceres.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.