Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Visita a exposición de Arqueoloxía galega do Museo, con importantes pezas da Idade do Bronce e orfebrería prehistórica

Hórreo no Pazo de Gandarón en Salcedo

En Salcedo, no espazo onde se atopa a coñecida como Misión Biolóxica, atopamos tres importantes construcións. Máis recente no tempo é a edificación de Alejando de la Sota de 1928, onde se atopan as instalacións do dito centro científico e onde iniciaba a súa traxectoria como arquitecto. Preto dela atopamos o espectacular Pazo de Gandarón, mandado construir a finais do século XVIII polo que foi arcebispo compostelán nado nesta parroquia, Frei Sebastián Malvar e Pinto. 

A carón do Pazo detemos a nosa ollada nun enorme hórreo de case 22 metros, un fermoso exemplo desta arquitectura autóctona moi preto de todos nós. Este elemento etnográfico é de grande importancia no devir histórico da poboación galega no relacionado coa conservación e protección de diferentes produtos do campo. 
Esta construción, complementaria da casa labrega, pode presentar diferentes formas, redonda, cadrada ou rectangular, aparecendo illada do chan mediante pés; polos seus laterais presenta diferentes aberturas para permitir a circulación do aire, e así propiciar a conservación ou secado do que nela se garde, a maior parte das veces cereais, que tamén son protexidos dos ratos pola propia estrutura, coa intelixente solución do tornarratos. 
Recibe diferentes nomes segundo a zona na que nos atopemos, dende cabazo a espigueira, pasando por piorno ou canizo. Pero o realmente certo é que a súa fisionomía forma parte indiscutible da paisaxe galega, e a súa aparición é unha das maiores achegas do noso pobo a esa configuración do noso marco xeográfico. Este hórreo presenta características propias, distinguíndose pola súa esvelteza e ben rematada construción. 
A súa proximidade ó gran pazo obrigou ó seu autor a coidar a harmonía das partes para non distorsionar o conxunto. Bastante ancho e moi longo, conta con once pares de postes, onde radica unha das súas curiosidades, ó engadirlle baixo o pé propiamente dito unha peza prismática, frecuente en terras asturianas pero non tanto por esta zona. Curioso tamén é o feito de non estar dividido en tramos, senón que as aberturas laterais son corridas, uniformizando o conxunto.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.