Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O río dos Gafos cruza baixo a Av. de Vigo pola Ponte Boleira, chega a Campolongo, circula por debaixo do parque e renace perto da rúa Rosalía Castro, desde a que chega ás Corbaceiras para desembocar

Galería modernista na rúa César Boente

 

Se hai un estilo arquitectónico que mudou a fisionomía das vilas de Galicia, ese foi o Modernismo, respondendo coa modernidade das súas formas ós impulsos eclécticos de finais do XIX. En Galicia o Modernismo aséntase entre os anos 1900 e 1920, con evidentes antecedentes e a posterior desvalorización dos seus postulados, aínda que permanecesen dentro dos 'libros de receitas'.
 
Rara é a vila que non ten exemplos dun estilo, ó que acudiron as clases burguesas para amosar cara o exterior a súa economía e a súa sensibilidade para presentar ante a sociedade unha vivenda acorde cos tempos. Pontevedra non é unha excepción, e así, paseando polo casco histórico, non son poucos os detalles ou construcións completas que se basean no Modernismo. 
 
É complexo escoller un modelo no cal se poidan exemplificar as súas características pero esta vivenda na rúa César Boente, pouco antes de chegar ó Mercado de Abastos, e que ó mellor a moita xente lle pode pasar desapercibida, é un fermoso exemplo. Unha construción de tres plantas nun solar que a fai rematar en esquina, onde se dispón unha galería circular.
 
Sobre ela aparece unha rica decoración con motivos vexetais, cerámicas e a data da construción, 1916. Chama a atención a creación da gran galería que, aínda sen moito fondo, presenta cara o exterior uns grandes vans, algo non habitual no Modernismo do sur de Galicia, máis habituado ó traballo en canteiría, máis denso e pesado, que non permite esas alegrías. Esa feliz solución dende a lixeireza vai permitir á arquitectura abrir a vivenda á rúa, integrándose no espazo máis amplo da mesma e exercendo de miradoiro.
 
O gusto pola decoración é inherente a esta arquitectura, e se en Galicia adoitan mesturarse formas vernáculas co que chega do exterior a través de revistas ou libros, é evidente que se xera un estilo moi particular. Nesta vivenda abunda ese xogo de placas, unha xeometría austera, que se rompe coa mobilidade da galería, e as formas ornamentais como flores, follas ou talos. Empréganse novos materiais como azulexos con deseños propios do 'art nouveau', do mesmo xeito se procede a decorar os cristais das fiestras.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.