Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Av. de Montero Ríos e a Alameda ocupan o espazo que antes pertencía ás hortas do convento de San Domingos, do que só quedan as ruinas oxivais

Fonte nos Xardíns de Casto Sampedro

 

"Pontevedra é boa vila/dá de beber a quen pasa/na fonte da Ferrería/San Bartolomé na praza…". O dito popular atópase inscrito nunha placa colocada no ano 1941, anos despois de que a fonte se ubicase no seu actual emprazamento nos Xardíns de Casto Sampedro en 1928. Pontevedra é vila de ríos, e polo tanto de fontes. Ás diferentes fontes espalladas pola comarca únense tamén as que no núcleo urbano abasteceron á cidade, a dos Tornos, a da Moureira, ou as diferentes fontes de Sesmeros.
 
Todas son parte dunha cultura na que a auga pasa de ser un elemento de subsistencia a formar parte da imaxinería popular dentro do ámbito artístico. O século XVI, o do esplendor pontevedrés, levou consigo, entre diferentes obras civís, a traída de augas dende os mananciais de Moldes, como nos conta Xosé Fortes Bouzán na súa 'Pontevedra en el espejo del tiempo'. Con esa traída pretendeuse aplacar as necesidades de auga que xa dende o medievo tiña unha poboación en constante crecemento. 
 
Encargóuselle o proxecto artístico de creación dunha fonte a Joao Lopes, mestre da localidade portuguesa de Porto, para que, segundo a documentación do momento, a fonte fose "de la manera, tamaño, altor y con las perfecciones y hechura que tiene el chafariz principal que está en la villa de Camyna". A fonte foille encargada a Domíngo Fernández, e foi instalada nunha esquina da Praza da Ferrería, a carón do camiño que entrando pola porta de Trabancas baixaba polos soportais para saír pola ponte do Burgo. 
 
Dada a súa importancia de cara o subministro, o Concello foi sempre moi escrupuloso co seu coidado e segundo as investigacións nos arquivos documentais feitas por Xosé Fortes, creáronse numerosos bandos municipais para que se respectase, prohibindo a limpeza de roupas, ou que as cabalgaduras bebesen nela. Chegouse incluso á instalación duns obstáculos en pedra que a rodeaban para impedir o paso das bestas. Así nos chega en diferentes debuxos feitos polos membros da Sociedad Arqueológica. O século XIX, e o seu erróneo urbanismo devorou moitos restos do pasado, como a esta fonte. ‘A fonte que da de beber a quen pasa’.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.