Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O Museo posúe a obra case completa de Castelao, un dos seus fundadores

Figura de Teucro na Praza da Peregrina

 

'Fundote Teucro valiente de aqueste río en la orilla para que en España fueses de villas la maravilla…'. Esta é parte da inscrición que se atopa á entrada do Concello de Pontevedra, recuperada doutra anterior que no século XVI xa se colocara nas 'Casas del Concejo'. Con ela rendíase devoción á figura de Teucro, heroe grego, ó que se atribúe dende antigo a fundación da cidade. Toda vila importante ten a súa lenda fundacional, que logo pouco ou nada ten que ver coa realidade histórica. 
 
As correntes humanistas do século XVI buscaron en moitos casos no mundo clásico a fonte de inspiración para encher de orgullo ós cidadáns. En Pontevedra sucede isto cando se atopa en Teucro ó heroe perfecto para avalar a orixe dunha vila coma a nosa, polo que é probable que se producise unha interpretación interesada de antigos mitos e a desviación de vellos cultos cara ese Teucro.
 
Teucro é o mellor dos arqueiros gregos, fillo de Telamón e Hesíone, irmán de Ajax. Cheo de fazañas na súa vida, a súa sona interrómpese ó non vingar a morte do seu irmán. O seu pai destérrao, adícandose a viaxar por Occidente, fundando diferentes colonias pola costa. Os historiadores reivindicaron o seu papel como fundador de vilas como Cartagena ou Hellenes -que significa población de griegos- . Igualmente, pénsase que bautizou con este último nome a Pontevedra.
 
En Pontevedra as primeiras representacións que se teñen son as que figuran na Basílica de Santa María, onde se interpreta unha figura de Hércules como o propio Teucro. Esta imaxe será moi habitual e así, na crestería da propia Basílica aparecerá outro Hércules coa pel do león, un dos seus atribuitos habituais, aludindo a un dos 'traballos' para amosar a súa forza e valor. Tamén nun dos tres cetros da Cofradía de Mareantes aparece esta figura co león. 
 
Esta representación é a que se instala no adro do santuario da Peregrina no ano 1956, cando se decide intervir neste espazo e repoñer a fonte que alí había. Cando se realizaron os trámites para a declaración do santuario como Monumento Nacional, a Dirección Nacional de Bellas Artes acordou que se restituíse o trazado orixinal, colocándose a imaxe do heroe pontevedrés.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.