Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Basílica de Santa María é unha mestura entre o gótico tardío e o renacemento

Fiestra gótica na Praza da Verdura

 

Da Praza da Verdura, que ó longo da historia se coñeceu de diferentes formas ('da Feira', 'da Feira Vella', 'da Verdura', 'de Indalecio Armesto') e agora de novo Praza da Verdura, se poderían falar de moitas cousas, dende a casa onde viviron os Muruais, ata a fonte do arquitecto Sesmeros, ademais da farmacia de Feijoo ou a que foi Casa da Luz. Pero nós ímonos deter nun dos seus currunchos máis fermosos, felizmente recuperado no ano 1975, tras eliminar o cemento que ocultaba parte desta construción, que agora ocupa no seu baixo o coñecido bar 'Os Maristas' e onde se atopa unha vivenda do século XV.
 
Unha fermosa fiestra amainelada, é dicir, dividida en dous vans cun parteluz e coroada por un pequeño rosetón, é a protagonista da nosa ollada. Agochada durante moito tempo, grazas á retirada dunha gran placa de cemento que tapiaba, non só a fiestra, senón os laterais desta vivenda, permitiu descubrir neses laterais os arcos góticos que flanqueaban o soportal e a fiestra da que sen dúbida foi una espléndida casa gótica. 
 
José Filgueira Valverde, nun artigo publicado no ano 1975 no ‘Diario de Pontevedra’, celebra o descubrimento, e recupera unha inscrición que nesa casa xa lera Frai Martín Sarmiento na súa viaxe de 1745. A inscripción dicía: "Estas casas mandou fazer Johanes Fernández de Sotomayor Arcediagoo de Salnés". A primeira data na que se nome a este personaxe é 1437, cando se mencionan no Libro do Concello as propiedades dun tal Iohán Fernández de Sotomayor. No século XVI a casa modificouse derrubando a súa fachada gótica, e posteriormente tamén desapareceron dous escudos dos Sotomayor. No século XVIII foi propiedade de Jacobo Llorente, quen obtería o Marquesado de Astariz. 
 
Precisamente co nome de Astariz foi co que se coñeceu a esta vivenda, incluíndo esta liñaxe un escudo que aínda se conserva. O mal estado no que se atopaba a fiestra foi corrixido cunha restauración baseada, na labor dos debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, que nos estudos da 'Pontevedra antigua' baixo a dirección de Casto Sampedro xa a tiñan debuxado na súa composición orixinal. 
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.