Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Na época da Restauración, a finais do XIX, iníciase un proceso de readaptación urbana e mellora das infraestruturas: rehabilítase o cascohistórico, planifícase o ensanche, levántanse novos edificios públicos, chega o ferrocarril,...

Fachada do Instituto Valle-Inclán

 

Coa súa construción pechouse a grande avenida que propiciou a reordenación da Alameda a finais do século XIX. Os edificios da antiga Escola Normal, agora sede da Delegación de Educación, ou o da Deputación Provincial e do Instituto, deron forma a esa nova arquitectura oficial. Non foron os das primeiras décadas do século pasado anos fáciles para a construción na cidade, crises económicas e folgas fixeron que moitos edificios tivesen un lento crecemento.
 
Así ocurreu co Instituto, que abandonaría definitivamente o lugar que viña ocupando dende a súa inauguración o 19 de novembro de 1845, que non era outro que o antigo Colexio dos Xesuítas, no edificio xunto á igrexa de San Bartolomeo. En 1903 decidiuse a construción dun novo edificio que puxese fin ós numerosos gastos que provocaban os arranxos na sede anterior, e así consíguense os terreos anexos as ruínas de San Domingos, que en parte estaban ocupados polo Hospicio. A subasta do proxecto do arquitecto Roig prodúcese en xullo de 1904, como recollen as actas do claustro do Instituto, estudadas para a confección do libro 'O Instituto de Pontevedra', no que moitos ex alumnos recollen século e medio da súa historia.
 
As obras non comezarían ata 1911, finalizando no ano 1924, sendo inaugurado en setembro de 1927, na procura de que Afonso XIII participase no acto inaugural durante a súa visita a Pontevedra. Jesús Muruais, Emilio Álvarez Jiménez, Víctor Said Armesto, Castelao, Antón Losada Diéguez, Xosé Filgueira Valverde ou Bibiano Fernández-Osorio Tafall son algúns dos mestres do centro ó que lle deron a fama suficiente para ser un dos máis valorados no eido da educación. A nómina de pontevedreses que pasaron polas súas aulas sería interminable.
 
Xeración tras xeración, nomes de mozos estudantes foron facendo que nas súas vidas permanecese para sempre o recordo daquelas aulas. Ofrecemos algunha das verbas de Jacobo M. Llano no seu discurso de inauguración: “Estamos persuadidos que la base segura de la felicidad de un pueblo, es la sólida instrucción de sus individuos, por que la instrucción es la civilización misma…”
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.