Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

As ubicacións das esculturas da Illa do Cobo fóron elixidas por cada un dos seus autores

Fachada da Igrexa de San Miguel de Marcón

 

A parroquia de San Miguel de Marcón, moi preto de Pontevedra, pasou a formar parte do Concello pontevedrés no ano 1869, cando a administración local levaba dous anos realizando unha política de anexión de diferentes parroquias do rural. Ata chegar a ese punto, Marcón pertencía xa xudicialmente a Pontevedra, como constaba xa en documentos do ano 1575.
 
 O Catastro do Marqués de Ensenada, realizado en 1752, incluía a parroquia de Marcón dentro do señorío do Arcebispado de Santiago. En 1833, coa reforma administrativa de Javier de Burgos, a parroquia pasa a formar parte do Concello de Pontevedra, pero en 1841, xunto ás de Mourente e Tomeza, constitúe o Concello de Mourente, pasando xa definitivamente en 1869 ó Concello de Pontevedra.
 
A igrexa parroquial de San Miguel de Marcón é o referente artístico da parroquia. Trátase dunha pequena construción do século XVI da que aínda se conservan moitos elementos. Recollida polo arquitecto Rafael Fontoira Surís na súa recompilación de edificios relixiosos da provincia de Pontevedra, o autor destaca mediante debuxos a bóveda estrelada do presbiterio, así como as das capelas laterais, tamén estreladas. 
 
A igrexa ten unha soa nave rectangular na que se modificou a súa cubrición, pasando de ser de madeira a ser de formigón. Elementos do coro de Santa María a Maior de Pontevedra foron trasladados ata esta igrexa durante o século XX. A súa fachada, moi sinxela, presenta sobre o arco de entrada unha curiosa imaxe dun anxo tocando un corno, que posiblemente sexa o Anxo do xuízo final, que se ve acompañado por dúas figuriñas, de menor calidade que a primeira, que representan a San Pedro e San Paulo. 
 
Ós pés do monte da Fracha, o seu amplo adro permite gozar dunha fermosa vista de Pontevedra, ademais doutros elementos que nel se atopan, como por exemplo un cruceiro colocado alí no ano 1994 tras ser sufragado polos veciños a partir dun modelo de Sintra, Portugal, aínda que máis interesante e o que se atopa no propio adro da igrexa que con data de 1742 considérase o máis antigo da parroquia de Marcón.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 17.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.