Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Praza do Concello ou Praza de España nace a raiz do derrubamento da muralla, a principios do século XX

Esfinxe na Casa Fonseca no Paseo de Colón

 

De pequeno, un sempre fai recolleita de recordos que, ó medrar e botar unha ollada ó pasado, parecen transformarse. Os que xa superamos a trintena e nos gusta ler lembramos un lugar moi serio, onde a xente falaba moi baixiño. Os señores que alí traballaban levaban os seus lentes descolgados sobre o nariz, e uns rostros esculpidos en xeso non nos sacaban ollo. Era a Biblioteca Pública de Pontevedra, que se atopaba nun edificio do Paseo de Colón. 
 
Por aqueles anos un non reparaba en moitas cousas. Ó mellor algunha vez podías rirte daqueles dous leóns con cara de persoa, pero daí non pasaba. Co tempo, os estudos, as lecturas, as viaxes, en fin, todo o proceso de madurez, eses recordos asaltan aquela fráxil memoria e un comeza a facerse preguntas sobre o que había tras aquel enreixado de ferro. E sempre que un pasa por diante desta casa non atina a comprender qué fai esa construción na cidade, pero logo un decátase de que isto é Pontevedra, onde se enterran papagaios e un demo asusta ós nenos, e di ¡que raios!, aceptando o asunto como outra 'boutade' máis desta vila.
 
Eulogio Fonseca foi un dos ricos empresarios da Pontevedra de principios do século XX. A serrería ou a casa de baños visible nalgunhas fotografías antigas da Moureira déronlle prestixio e sobre todo cartos. Parte deles investiunos nunha curiosa construción que ergueu en 1910, onde se aprecia unha estraña conxunción de formas, estilos e elementos. Polas datas o estilo imperante era o modernista, aínda que os ecos do eclecticismo e do historicismo aínda eran aplicables á arquitectura, o que permitía a adopción de diferentes linguaxes e elementos doutras épocas. 
 
Un frontón clásico con oito columnas dóricas funcionando como un gran pórtico semellando un templo grego podería ser entendible; unhas esfinxes acompañadas de palmeiras, de influxo exipcio, xa nos fai pensar en algo raro, e logo, ó levantar a cabeza e ver dous grandes 'grifos' aumenta o noso asombro. ¿Un desvarío?, ¿unha ilóxica conxunción de elementos arquitectónicos?, ¿unha forma máis de destacar ante a sociedade local?, ¿a sede dunha loxia masónica? Preguntas que aínda bulen pola miña cabeza.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.