Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A fonte da Ferraría foi colocada donde está agora, en 1930, xa que antes estaba no centro da praza

Escultura de Penado na Praza de Barcelos

 

Quen non recorda a Praza de Barcelos cos seus grandes plátanos? Un enorme recinto cheo de sombra que foi readaptado para os novos usos da cidadanía tras ir estragándose de maneira progresiva pola presenza dos automóbiles. Convertida en praza pública, cun aparcadoiro soterrado, quédanos o recordo daquel conxunto de árbores inmortalizado na grande escultura metálica que fixo o artista José Luis Penado en 1998. Con ela pretendíase render culto á memoria daquel lugar, onde a árbore tiña un dos seus últimos redutos urbanos.
 
José Luis Penado afrontou a obra como un gran reto, a superación da complexidade técnica dunha peza tan grande, colocada nun lugar que tiña un aparcadoiro debaixo. O traballo sobre ferro, característica no quefacer artístico deste escultor, creador da estatua do loro Ravachol, e que na Igrexa da Virxe do Camiño realizou o gran Cristo que a preside, permítelle construír esta grande árbore esquematizada ata o límite, un xogo de abstraccións que chegan a confundir a figura dunha árbore coa do propio home. É un home-árbore, mostra da íntima ligazón que debe existir entre os dous. O artista acada un paso máis na súa traxectoria; o incremento no tamaño permítelle experimentar novas funcións, novos encontros entre espazos e a integración da peza nun lugar público.
 
A peza acada os seis metros de alto por dez de envergadura e está preparada para lograr a súa oxidación de xeito progresivo. O tempo tamén vai xogar o seu papel na configuración da peza, un espazo para a memoria e a construción da nova árbore. Esta remátase no que parecerían uns pequenos brotes da propia natureza, pero que en realidade son cristas deses típicos galos de Barcelos, vila portuguesa coa que Pontevedra se atopa irmandada dende o ano 1970, e que é a que lle dá o nome á praza chamada con anterioridade Campo da Feira por celebrarse alí un mercado. O artista soubo capturar varios dos elementos que conforman esta praza facendo uso deles para aumentar as posibilidades representativas dunha árbore que xoga a ser home, ou dun home que xoga a ser árbore.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 17.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.