Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O cruceiro da Praza das 5 rúas foi emprazado alí tras a guerra civil, desde o seu lugar de orixe, Estribela

Escudo na Igrexa de San Vicente de Cerponzóns

 

Ten a parroquia de Cerponzóns unha longa historia ás súas costas. Historias de serpes, como da que se di procede o seu nome, do latín 'serpo', aparecendo a súa primeira mención nun documento do rei Afonso V, que a chamaba Serpentiones; pero tamén de antigas lendas, como a que dicía que polas súas terras andaba unha muller vestida de branco que preguntaba ás mozas do lugar se querían que as peitease, e logo de facerlles cocer un bolo de pan e meterllo na boca a unha serpe, esta dáballes un paquetiño que ó chegar á casa debían meter nunha arca, e ó día seguinte esa arca aparecía chea de ouro.
 
Pero tamén ten restos históricos, como o romano Miliario de Magencio agochado en forma de columna nunha finca da familia Osorio Galos, e que agora se atopa no Museo de Pontevedra. Esta familia é fundamental no devir da historia da parroquia. Os escudos que se atopan no interior e exterior da igrexa de San Vicente deixan constancia da súa importancia. Así, a liñaxe Osorio, descendente do Conde Gutiérrez Osorio, chegou a enlazar coa primeira nobreza española. As súas armas son dous lobos esfolados postos nun pau, e os Galos, procedentes de Betanzos, presentan na súa armadura tres galos con catro espadas de 'gules'. 
 
Xa nos arquivos parroquiais figuran apelidos de sacerdotes dende 1514, entre os que se atopan Osorio, Galos, Montenegro, Sotomayor, Rega e Saavedra, que amosan a ligazón con diferentes ramas da fidalguía. Nesa igrexa de San Vicente, referente histórico artístico da parroquia, atópanse restos que van dende o século XIII ata a parte principal do século XVIII, século do que tamén procede a imaxe de San Vicente que se venera no altar maior. 
 
No seu amplo adro un fermoso cruceiro ou a casa reitoral construída na segunda metade do século XVIII son boa mostra do amplo patrimonio que nos ofrece Cerponzóns, na que a Comunidade de Montes leva realizando unha gran labor na recuperación de espazos naturais e acondicionamento de parques de recreo, e dende os que, pola súa situación, se poden ter fermosas vistas panorámicas do percorrido que fai o río Lérez pola comarca pontevedresa.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.