Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Paio Gómez Chariño, trobador e almirante do mar, ten a súa sepultura na Igrexa de San Francisco

Escudo dos Montenegro na Praza do Teucro

A zona monumental de Pontevedra é rica en mostras de escudos de armas e liñaxes nos que se deixa constancia do pasado de moitas das familias da cidade. Rara é a vivenda desta zona na que non queda esa pegada en forma de labra heráldica. A Praza do Teucro conserva algúns dos máis fermosos e en todos os seus laterais podemos contemplar escudos. Especial mención merece o que se atopa no número dous de dita Praza, nunha gran casa señorial que fai esquina coa rúa Princesa. 

 
Sobre o muro que asoma á Praza atopamos o escudo dos Gago-Montenegro, nome co que se coñece esta construción do século XVI, aínda que en séculos posteriores sufriu modificacións. A calidade da labra é evidente, o detalle e a súa monumentalidade, sitúano como un grande exemplo dos tempos do Barroco en Galicia. 
 
Nel represéntanse as diferentes liñaxes que conflúen nesa familia. Dende os Gago, co seu escudo central e unha ponte nel, unha man empuñando dúas chaves e cinco lúas crecentes, entre outros elementos; ata os Montenegro, coa súa M na parte superior; pasando polos Ozores, cun león atravesado por un sabre; os Tavares, coas súas cinco estrelas de seis puntas; os Mendoza, co seu cuarteado en aspa; os Sotomayor, cos seus escaques; os de Oca, cunha árbore e un can; os Castro, con seis roeles; e os Sarmiento, con trece bezantes. 
 
Abaixo figura un óvalo no que se le a seguinte inscripción: "Mandaron reedificar esta casa D. Antonio Félix Tavares Ozores y Sotomayor y Dª María Gago de Oca Sarmiento y Montenegro". Pero a súa completa colección de escudos, ata un total de once labras entre os seus dous laterais e o patio interior, presenta outras lecturas que chaman a atención, sobre todo en relación coa historia da nosa cidade. 
 
Así é como en varios deles se representa unha man suxeitando dúas chaves sobre unha ponte amurallada, elemento que comentamos, é representativo dos Gago. Sen ningún dato documental, si que podemos arriscarnos a comentar que, dada a importancia desta familia, durante moitos anos tivo o privilexio de abrir e pechar as portas da ponte, incluíndo tal motivo no seu escudo.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.