Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Pontevedra era o maior porto de Galiza no século XV

Escudo do Pazo de Mugartegui

 

Domina toda a praza da Pedreira. A súa espectacular fisionomía móstrao como un perfecto exemplo de pazo barroco dentro dun tecido urbano. Trala súa exemplar restauración, a cargo do arquitecto Jesús Aser Fole Osorio, pasou a ser a sede da Denominación de Orixe Rías Baixas, xa plenamente recuperado para o seu uso social. Cunha longa historia ás súas costas, trala súa edificación a principios do século XVIII, este pazo tivo moita importancia no devir da vida social da cidade xa que, despois de anos de servir de residencia ós seus propietarios, nos anos cincuenta do século XX instalouse nel a popular academia de estudos Jovellanos.
 
No exterior asombra o seu fermoso escudo, que divide en dúas partes o edificio, colocado nun frontis partido que chega a superar a propia cornixa. Amósase como un delicado exercicio de canteiría polo preciosismo estilístico, moi do gusto francés. Unha sorte de exercicio rococó no que os motivos vexetais e as rocallas rodean ás diferentes liñaxes que conforman o escudo. Entre esas liñaxes atopamos a dos Figueroa, con cinco follas de figueira; a dos Arango, con seis corvos; a dos Quirós, duas chaves con tres lises e seis rosas; e a dos Omaña, unha barra engolada con dragantes. Unindo as catro liñaxes sobresae un cuartelado en cruz no que atopamos dous ‘jaquelados’ e dous castelos, un deles en chamas.
 
Pola súa parte superior o escudo coróase cun helmo, mentres por abaixo péchase cunha cabeza dun fauno ou un sátiro. Na elevación do escudo colócase un reloxo de sol, coroado por unha figura alegórica do astro luminoso. No interior consérvanse partes moi destacadas que nos falan dos tempos pretéritos, como a parte baixa adicada ó servizo e as cabalerías, ou unha gran balconada que mira cara o Lérez exercendo de mirador. Os dous grandes salóns no piso principal concédenlle ó pazo múltiples posibilidades para o seu uso. O emprego da cor, tanto nos salóns como na balconada que dá cara atrás, falannos do seu valor como un novo elemento a aplicar na rehabilitación de edificios, como tamén sucedeu na Casa do Arco, embelecendo o edificio e máis a súa praza.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.