Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O actual Concello edifícase sobre unproxecto de Sesmero de marcado carácter francés. Recíbese en 1880 e o seu primeirocometido foi acoller a Exposición Rexional daquel ano

Escudo de Alonso III de Fonseca en Santa María

 

A basílica de Santa María sérvenos de inspiración para unha das nosas derradeiras olladas, mostrario dunha fermosa Pontevedra que, nas paredes das súas casas e dos seus templos, nos fala permanentemente das súas xentes. Na cabeceira da basílica de Santa María, cara o exterior, atopámonos cun escudo de simples trazas. Nel aparecen cinco estrelas e seis borlas a cada lado, coroado cun sombreiro eclesiástico. A súa sinxeleza é a mostra da súa personalidade, a dun dos persoeiros máis sobranceiros non só da Galicia renacentista, senón tamén de España. 
 
Estamos a falar do arcebispo Alonso III de Fonseca, o fundador da Universidade de Santiago de Compostela e un dos introductores do Humanismo en España. Tivo relación coa igrexa de Santa María de Pontevedra, da que de mozo foi cura, e que sempre o acompañou no seu recordo. A súa importancia na cidade maniféstase na praza que leva o seu nome ante a basílica de Santa María, así como nunha gran placa colocada na casa rectoral onde reza a seguinte inscrición: "Alonso de Fonseca, 1473-1534. Cura de esta feligresía. Arzobispo de Santiago y Toledo. Patrono magnífico de las artes y las letras. La ciudad de Pontevedra de la que fue señor". Foi colocada en 1959. 
 
Alonso III de Fonseca foi arcebispo de Santiago de Compostela e de Toledo nos séculos XV e XVI. Tras o seu nacemento na compostelana rúa do Franco, trasladouse a Salamanca para realizar os seus estudos. Dende moi novo comezou a recibir diferentes asignacións eclesiásticas, como por exemplo ós quince anos, cando obtivo unha coenxía na Catedral de Santiago, e os curatos de San Pedro de Santa Comba e de Santa María a Grande de Pontevedra, postos dos que se ocupaba a través dun vigairo. En 1507 foi designado arcebispo de Santiago de Compostela.
 
En 1524 abandonará a diocesé para ocuparse da de Toledo, trala morte do destacado Cardeal Cisneros. Coa confianza do emperador Carlos V asenta a súa residencia en Alcalá de Henares ata o seu falecemento, en 1534, rodeándose de músicos, humanistas e artistas, creando deste xeito unha pequena corte renacentista.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.