Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Ponte Veteri foi o nome con que se coñecía a actual Pontevedra, debido ao estado ruinoso e vello que ofrecía a primitiva ponte do Burgo despois do s XII, cando se construeu a nova ao seu carón

Escola rehabilitada na Canicouva

 

Abundan nos nosos pobos moitas pequenas construcións que nos falan doutros tempos, tempos non moi remotos pero que xa son parte da nosa historia. Así sucede con aquelas escolas que durante o réxime franquista se construíron para facer chegar a educación á xente de lugares que se atopaban lonxe das grandes vilas. Modestas construcións nas que o seu valor é, máis que a súa arquitectura, a súa presenza, a pervivencia da memoria das xentes, nenos daquel momento, que por elas pasaron.
 
Así sucede na parroquia da Canicouva, onde se acometeu a rehabilitación dunha destas construcións para un novo uso, como é o de funcionar como centro socio-cultural para todos os veciños desa parroquia. Esta escola creouse en 1959 dentro dun proceso iniciado en toda España en 1953 co que se promulgaba o primeiro Plan de Construcciones Escolares xunto cunha lei que establecía un convenio entre o Estado, os concellos e as deputacións para a construcción deste tipo de centros educativos. O traballo realizado pola empresa Sercoysa baixo a dirección do arquitecto Jesús Aser Fole Osorio devolveulle a esta antiga escola a dignidade que todo edificio posúe, por pequeno que poida semellar.
 
A súa sinxeleza arquitectónica permitiu recuperar un patrimonio practicamente perdido para esta parroquia mediante o respecto a aquela modesta edificación, na cal destaca agora o seu salón de actos de 130 metros cadrados e o seu exterior, no que se buscou o emprego de materiais nobres como a madeira ou a pedra xunto a algún chisco colorístico en portas ou fiestras. Todo isto concédelle singularidade a esta pequena escola que se achega así ó noso tempo engrandecendo a súa historia.
 
Esta rehabilitación integral, feita co mesmo agarimo co que se puido ter feito algunha das rehabilitacións doutros edificios históricos dentro da propia cidade, ven recuperar xunto coa propia pedra a memoria duns veciños que por ela pasaron como nenos, e da que agora gozan como un elemento máis do seu patrimonio, hoxe embelecido e respectado, recuperado do esquecemento.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 12.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.