Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Basílica de Santa María é unha mestura entre o gótico tardío e o renacemento

Escola rehabilitada en O Salgueiral, Bora

 

 
Era demandada dende hai tempo polos veciños da parroquia de Bora, que buscaban un lugar onde poder reunirse e realizar actividades socioculturais. A recuperación desta construción, serviu para a educación en décadas pasadas, enmarcouse na rehabilitación de parte dun patrimonio co que o tempo e nós mesmos non fomos moi xustos. Ó igual que ocorreu na Canicouva, esta sinxela edificación era o recordo perenne doutro tempo, de xogos, de estudos e de trasnadas, das que foron protagonistas os nenos desta parroquia, ós que agora só lles queda o recordo a través da súa memoria, reflectido nas fiestras desa escola na que tantas horas pasaron. 
 
Por esto decidiuse afrontar unha recuperación integral de todo o inmoble, tanto exterior como interior, que foi asumida polo arquitecto Jesús Aser Fole Osorio, quen plantexou a súa transformación cara a realidade do noso tempo. Acometeu a súa actualización funcional para os seus novos usos, así como a aplicación de novas tecnoloxías, pero sempre a partir da súa estrutura orixinal, dotada, aínda que coa súa modestia, da dignidade que ten toda edificación. A cuberta totalmente nova, a fachada de pedra picada, unha nova carpintería e unhas vigas de formigón que suxeitan algunhas lousas pertencentes á estrutura orixinal son parte da rehabilitación que afrontou a empresa GPD. 
 
Acadouse así recuperar un espazo útil de 180 metros cadrados que se distribúen en tres estancias. Tamén, e como elementos pertencentes ó valor da memoria da propia construción, recuperouse un pequeno escudo franquista, ademais de aplicar unha iluminación artística a un corticeiro situado tras o local, buscando conxugar o contorno no conxunto total da escola.
 
Son estas escolas pequenas obras, pero teñen tras de si un fondo moi intenso, xa que nos falan do paso por elas das xentes, pero tamén e dende esta rehabilitación, da obrigatoriedade que todos temos de recuperar, protexer e difundir o noso patrimonio, que dependendo da nosa conduta poderá chegar a futuras xeracións, ás que lles corresponderá seguir mantendo o seu valor.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.