Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O Pazo de Mugartegui é unha fermosa edificación dos séculos XVII e XVIII, un exemplo arquitectónico urbano do barroco galego

Edificio de viviendas de Alejandro de la Sota

Salpicada Pontevedra de antigos monumentos, de edificios seculares, de espazos de memoria e pedra, tamén durante o século XX grandes arquitectos deixaron a súa pegada. Arquitectos que afrontaron o complexo papel modernizador da arquitectura, coa asimilación de novas linguaxes e novas propostas, coma o pontevedrés Alejandro de la Sota. 

 
Naceu no seo dunha familia culta. Seu pai, enxeñeiro e presidente da Deputación de Pontevedra naquel momento no que se deron bolsas a grandes artistas como Laxeiro, Colmeiro, Souto, Maside ou Torres, propiciou a súa vinculación cun ambiente cultural importante. Comezou a súa traxectoria profesional coa mirada cara os tipos rexionais, dentro dun ambiente xeral non moi afeito á implantación de solucións modernas. Pero o seu espírito foi pouco a pouco xerando un novo compromiso coa arquitectura e o progreso. Os seus postulados fóronse dirixindo cara o racionalismo. 
 
As férreas directrices oficiais trala Guerra van perdendo consistencia e así, trala celebración en Madrid do Congreso Iberoamericano de Arquitectura en 1948, comezará a existir un pulo aperturista. A partir de aquí comézase a crear unha gran xeración de arquitectos españois como Bohigas, Molezún, Oiza ou de la Sota. A sua mirada ó exterior e a aplicación de conceptos do movemento moderno así o van confirmar. A utilización de novos materiais, a redución de todo aquel elemento sobrante e a integración coa natureza van facer da súa arquitectura unha das máis sobranceiras.
 
En 1972 constrúe o edificio de vivendas na anterior rúa de Gondomar, agora rebautizada co nome do arquitecto. Alí plasmará varias das súas ideas coa vivenda como 'campo de experimentación espacial', segundo as palabras doutro arquitecto que o estudou ben, Pedro del Llano.
 
Cara o exterior destaca a sobriedade de liñas, a exclusión de todo aquilo que parecese sobrante nunha arquitectura feita para vivir dentro dela, e onde se aprecia un marcado xogo xeométrico, case como unha partitura musical chea de ritmos acompasados. O remate superior destaca pola súa terraza, onde se xoga con esa integración do exterior no interior do edificio.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 17.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.