Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

As ábsidas góticas son o único vestixio do antigo Convento de San Domingos, hoxe parte do Museo de Pontevedra

Detalle do Pazo da Deputación Provincial

 

Trala concesión da capitalidade provincial a Pontevedra en 1833, a Deputación Provincial, ante os altos custes de mantemento da súa primeira sede na actual Delegación de Facenda, decidiu en 1882 a construción dun novo edificio. Dúas foron as propostas que se manexaron para o seu novo emprazamento, por un lado uns terreos anexos á sede primixenia e por outro a súa situación no contorno da Alameda, pretendendo edificalo no lugar das ruínas de San Domingos co fin de facer un aproveitamento das súas pedras. Finalmente respectáronse as ruínas e a Deputación comproulle ó Concello en 1884 un soar onde se ubica o actual Pazo Provincial.
 
O arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmeros firma co seu irmán Domingo o proxecto que envía á Deputación sen custo ningún, co fin de facerse cos dereitos da obra. Seleccionado este proxecto, a decisión de deixalos fóra da dirección fainos cambiar de opinión, esixindo o pago de 7.500 pesetas. En 1883 adxudícanse as obras, coa dirección de Daniel Rodríguez Vaamonde, ó cal substituiría en 1884 Antonio Crespo e, en 1891, Siro Borrajo, ata o seu remate en 1893.
 
O edificio hai que valoralo en función da personalidade do arquitecto Sesmeros, que plantexou un estilo eclecticista, no que se optaba pola conxugación de elementos procedentes doutras épocas, dende a arquitectura clásica, ata a súa reinterpretación renacentista ou barroca. Alejandro Rodríguez Sesmeros plantexa en Pontevedra un gran pazo, un edificio cun uso administrativo de grandes proporcións. A súa fachada, dividida en diferentes volumes, combina moitos destes estilos, cunha entrada a xeito de arco triunfal. 
 
Enriba dela catro columnas enmarcan as fiestras do salón noble, espazo destacado cara o exterior. Sobre este último corpo tres claraboias conectan o corpo inferior co frontón que remata a construción na que se atopa o escudo provincial. As fiestras decóranse de xeito especial con frontóns semicirculares, triangulares ou alintelados con cunchas de vieira. Paga a pena destacar o emprego de novos materiais que comezaban a empregarse na arquitectura, como por exemplo o ferro nas claraboias e nos bufardos.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.