Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Estímase que a primitiva ponte do Burgo mantívose en pé ata mediados do século XII

Decoración do edificio García Flórez

Dentro do noso casco histórico, o papel que xoga o Museo Provincial de Pontevedra non só se limíta o seu fecundísimo labor no campo da investigación e exposición, senón que tamén contribúe coa súa cara exterior a definir o perfil do entramado urbano local. O seu conxunto de edificios, compón un equilibrado conxunto arquitectónico de diferentes estilos e tempos. Dende os pazos barrocos 'Castro Monteagudo' e 'García Flórez', ata a última construción do arquitecto Alfredo García Brañas, pasando polo edificio 'Fernández López', sen esquecer o edificio Sarmiento e as ruínas de San Domingos. O conxunto monumental do Museo é xa parte indisoluble da cidade.

 
Deterémonos no edificio 'García Flórez' sen máis razón que o atractivo que supón a recuperación dunha serie de detalles decorativos moi típicos dun dos nosos estilos arquitectónicos máis sobranceiros, como foi o Barroco, e especialmente o que no século XVIII se desenvolveu cheo de contrastes entre as luces e as sombras e co emprego dunha abondosa decoración ateigada de motivos vexetais, froitos ou placas que parecían saír do traballo dos carpinteiros, e que tivo en figuras como as do arquitecto Simón Rodríguez brillantes representantes. 
 
O edificio 'García Flórez', ubicado na rúa Sarmiento, foi levantado a finais do século XVIII por Antonio García Estévez Fariña e a súa muller, Tomasa Suárez Flórez, a partir dun pazo anterior. Conformouse así un gran pazo urbano de tipo señorial, con soportais na súa fachada principal. No primeiro andar posúe tres grandes fiestras rodeadas de decoración, e na segunda planta complétase con dúas ventás que acompañan a un grande escudo central. 
 
No tellado sitúanse dúas enormes gárgolas nos seus esquinais e posteriormente, con motivo da súa inclusión no patrimonio do Museo-feito que o secretario do Museo Xosé Fuentes, seguindo a Filgueira Valverde sitúa no ano 1942- colócanse sendas figuras procedentes do antigo Pazo de San Román, recuperadas pola Sociedad Arqueológica: a Fortaleza e a Esperanza. Admiramos neste edificio a súa decoración, o movemento que ese Barroco de placas é capaz de ofrecer ó espectador.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.