Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O actual Concello edifícase sobre unproxecto de Sesmero de marcado carácter francés. Recíbese en 1880 e o seu primeirocometido foi acoller a Exposición Rexional daquel ano

Debuxos de Monteserín no Café Moderno

É o Café Moderno, rehabilitado de xeito prodixioso por Caixa Galicia, un recinto cheo de segredos, de pintores que a través dos máis variados estilos presentan parte da produción artística en Galicia. Dende as obras de Carlos Sobrino, Pintos Fonseca ou Laxeiro repartidas por diferentes estancias, ata a máis antiga delas, un conxunto de escenas de cabaret feitas polo pintor Demetrio Monteserín. Tres escenas nas que, cun ton burlesco, se presenta unha situación chea de picardía entre unha muller e diferentes homes. 

 
Este estilo, plenamente modernista, nós evoca unha época ilustrada, de salóns, cabarets e teatros. Foi feita no ano 1903, o mesmo ano da apertura ó publico do Café Moderno, lugar para tomar café aproveitado como sala de audicións musicais, cine e tertulia, en definitiva, o espazo máis cosmopolita da Pontevedra de principios do século pasado. Así era como encaixaban perfectamente esas tres escenas modernistas tanto no seu espírito como na súa plasmación formal. 
 
A primeira amosa unha parella, ela do brazo dun mozo engalanado para o seu paseo e ataviado cun ‘canotier’. As dúas seguintes situacións van ofender ó mozo da primeira escena. Agora, esa mesma muller coquetea con outros homes. Nun caso está sentada ante sete homes elegantemente ataviados de noite, esperando a elección dunha muller que polas súas roupas ben pode adicarse ó cabaret.
 
Todos eles parecen semellantes. Todos observan a través dos seus monóculos o corpo da muller desexosos da súa compaña, pero só un será o escollido. Cun sutil xesto un deses homes saca do seu peto unha carteira. A muller xa decidiu cal sería o elixido. Así, vémolo na última escena do brazo da muller e, cuns andares alegres a parella camiña mirándose entre sí. 
 
Formalmente, a caricatura remítenos á profesión de ilustrador do seu autor, que chegou a participar en grandes publicacións dese terreo, coma foi a madrileña ‘Blanco y negro’. A liña é a que marca todas as figuras que, aparecen perfectamente recortadas no espazo, enchéndose o seu interior de cor sen matiz algún, pero todas elas conservan o carácter elegante dese estilo, un preciosismo decorativo de influxo modernista.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.