Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

No último cuarto do XIX mellóranse as comunicacións, e o aspecto medieval da cidade vai mudando ante anecesidade de contar con espazos para a edificación ou de uso público

Debuxos de Conde Corbal no Café Carabela

 

Hai espazos na cidade que trascenden ó tempo. O paso da xente, o ser lugar de reunión, de relación entre membros de diferentes xeracións, agocha tras de si unha certa conxelación do tempo. Moitos destes espazos foron desaparecendo, esvaecéndose entre novos negocios ou entre especulacións inmobiliarias, pero algúns resisten, e con poucas modificacións dende a súa orixe, o que permite conservar ese sabor a pasado. Un exemplo desta supervivencia témolo no Carabela.
 
O café e maila súa terraza, que foi gañada polo establecemento ó propio entramado urbanístico, tanto que é capaz de borrar o seu nome de Praza da Estrela para ser a praza do Carabela. Alí, dende a súa creación, a mediados da década de 1950, as tertulias mistúranse co cheiro do café. No seu interior podemos descubrir un fragmento pouco apreciado da nosa arte, dunha arte feita dende a amizade entre un cliente e o propietario do local. Por enriba da barra desenvólvese toda unha serie de imaxes do exterior da cafetería, unha panorámica de edificios, rúas ou perspectivas. 
 
O seu autor, o pontevedrés Xosé Conde Corbal, interiorizou hai corenta anos no café, que tantas veces frecuentaba, o exterior que dende as súas fiestras se pode apreciar. Asomados a elas, e coa sombra do santuario da Virxe Peregrina, podemos ver a Delegación de Facenda, o convento de San Francisco, os Xardíns de Casto Sampedro, o perfil do santuario da Peregrina, os soportais da Ferrería, ou o rastro do camiño portugués a Compotela, e como non, a gran Praza, chamada a principios do século XX da Constitución, e agora da Ferrería.
 
Unha nostálxica mirada feita por alguén moi vencellado á cidade, colaborador habitual de ‘Diario de Pontevedra’. Este pintor, gran debuxante, homenaxeaba á cidade da que tantos fragmentos levou ás páxinas do xornal. Na súa pintura e debuxos, as liñas teñen gran forza expresiva, son debedoras das técnicas do gravado, moi marcadas e con pouca continuidade entre elas, parecen ter unha independencia que ó ver o resultado final se uniformiza, creando a forma que parece querer negar cada unha desas liñas.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.