Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Unha parte importante do museo ocúpase da historia marítima, o gremio de Mareantes e mariños pontevedreses, como os irmáns Nodales ou Pedro Sarmiento de Gamboa

Cúpula da Igrexa de San Bartolomeo

 

É un dos grandes templos da cidade, expresión do poder dos Xesuítas na España do momento. Na rúa Sarmiento eríxese todo un complexo relixioso para o Colexio dos Xesuítas, no que merecen especial atención o claustro do colexio, a fachada da igrexa e o seu interior. O novo reitor da congregación en Pontevedra, o pai Pedro de Aragón, será quen inicie as obras da igrexa no ano 1691, avanzando considerablemente os traballos entre 1696 e 1700. Inaugurándose en 1714.
 
O arquitecto foi Pedro de Monteagudo. O seu traballo en Pontevedra viuse limitado polas esixencias da congregación, na que rexían uns patróns de conduta moi claros nas súas obras, e así veremos como a Igrexa é debedora dos modelos italianos impostos pola casa matriz dos Xesuítas. Xunto con ese factor, a súa morte prematura no transcurso das obras fixo que se vise moi alterado o seu plantexamento.
 
A fachada remite á do Gesú de Roma, modelo xenérico para estes templos, e que en Galicia practicamente non foi empregado, de aí o valor que ten este exemplo como adopción de solucións foráneas, que ó arquitecto lle vai permitir experimentar con elementos do Barroco galego, como os escudos e fiestras entre as columnas ou na forma de destacar a rúa central.
 
No interior atopamos a maior valoración da nave central, por riba das dúas laterais, algo imposto pola nova liturxia e o novo valor da misa como congregación. A igrexa ten un coro alto sobre o primeiro dos tres tramos no que se dividen as súas naves e na súa fábrica si que aparecen elementos atribuibles ó arquitecto.
 
O emprego de casetóns no intradorso dos arcos que separan as naves laterais da central lembra á fachada do Mosteiro de Oseira; os óculos que iluminan a nave central ou o uso dunha especie de axedrezado decorativo na parte superior da nave central tamén nos lembran motivos empregados en Sobrado dos Monxes.
 
Moi fermosa é a cúpula, que aquí é máis sinxela en decoración do que é habitual no arquitecto de Cerdedo, pero se nos detemos a mirala, algo que pola nosa colocación no templo ou a falta de costume de admirar certos espazos non adoitamos facer, ollamos unha atmósfera nova.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 20.10.2011 polo Concello de Pontevedra.