Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O río dos Gafos cruza baixo a Av. de Vigo pola Ponte Boleira, chega a Campolongo, circula por debaixo do parque e renace perto da rúa Rosalía Castro, desde a que chega ás Corbaceiras para desembocar

Cruz na rúa Santiña

 

 
O barrio do Burgo, é un dos máis antigos e con máis historia da cidade. Situado extramuros, a súa historia está vencellada dende sempre á idea de camiño, de paso de xentes que entraban ou saían da vila pola ponte do Burgo, da cal xorde o nome de Pontevedra. O paso de multitude de xente de aquí e de alá está tamén moi ligado ó paso do camiño portugués de peregrinación a Compostela, que ten por estas terras un dos máis fermosos lugares de percorrido, así como de creación de lendas. 
 
A rúa da Santiña, que agora co seu asfalto esnaquiza o recordo das fermosas fotografías que aínda lembran o seu trazado orixinal de fábrica romana, é a saída natural dese camiño de peregrinación, e arredor del diferentes pasaxes fálannos de peregrinos famosos, de cruces, de capelas e de lendas de uvas e millo. En definitiva, o tempo foi moi agradecido con este querido barrio pontevedrés, que engrandeceu a súa historia no século pasado cando nel se construíu o campo de fútbol onde o Pontevedra C.F. realizou grandes xestas na Primeira División, dando lugar a aquel inesquecible 'Hai que roelo'. 
 
A nosa ollada detense precisamente nun deses motivos da rúa da Santiña, nome que lle vén da existencia dunha imaxe en pedra dunha santa, propiedade de Xacinto 'o zapateiro', que estaba colocada nun punto da actual avenida da Coruña. Alí, nas casas ó pé do camiño que vai por riba daquela Vía XIX dos romanos diferentes elementos nos recordan outros tempos. Nunha casa cun escudo, a cruz e as cunchas de peregrino fálannos da raíña Isabel, que peregrinou a Compostela dende Coímbra en 1325, fortalecendo a consolidación desa vía de peregrinación. 
 
Noutra vivenda atopamos un elemento votivo realizado en 1822, como se le na inscrición que ten, onde un Cristo crucificado ve como un anxo lle achega un cáliz. Unha fermosísima labra cun gran traballo de cantería. O 24 de xullo realízase a procesión das uvas e o millo, vencellando a parroquia ó paso do Apóstolo polas súas terras como peregrino que, ante a súa necesidade, viu como os veciños lle ofreceron pan e viño. Millo e uvas que dende entón maduran prematuramente.
 
    O máis buscado
    Navegador

    O Concello

    Pontevédrate

    Áreas

    Pontevedra participa!

    E máis

    Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.