Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O Museo de Pontevedra ten importantes coleccións de acibeches composteláns e cerámica popular galega, así como de Sargadelos

Cruceiro da ascensión ante a Ponte da Barca

 

Pontevedra presenta unha gran colección de cruceiros, elemento etnográfico e artístico inherente á cultura galega. O seu estudo e valoración comezou no segundo tercio do século pasado, cando se procedeu a revisar a arte primitiva e popular, como sinónimo de erudición e de recuperación de formas. 'As cruces de pedra na Galiza', de Castelao, publicada en 1950 en Bos Aires, é a obra paradigmática neste terreo, e partir dela orixínanse os diferentes estudos sobre esta tipoloxía artística.
 
O cruceiro que nos ocupa atópase hoxe en día na saída de Pontevedra a carón da ponte da Barca, xunto o Colexio das Doroteas. Alí foi trasladado procedente da Moureira, onde se atopaba na actual rúa do Cruceiro, como ben describe Xosé Fuentes Alende, na revista Nodales no ano 2001, onde recupera as fotografías e imaxes que del ten o Museo de Pontevedra pertencentes ó fondo José Casal.
 
Foi encargado por unha tal María d'Ascensión, segundo un documento datado en 1592 que estaba en posesión de Casto Sampedro. Castelao destacouno como exemplo transicional do Renacemento ó Barroco. O cruceiro ten base con catro chanzos e un pedestal de seis lados onde se encaixa o fuste, que presenta unha sección octogonal. 
 
Sobre ela amplíase o tamaño para a correcta suxeición da cruz. A cruz é a parte máis sobranceira; nela destaca o remate das súas puntas coma un áncora. No centro, o Cristo en maior tamaño que os seus acompañantes, que son San Xoán e a Virxe. Esta representación con pezas de diferentes tamaños é un rescaldo doutros tempos, nos anos seguintes as figuras igualaránse. A escena remite ó Calvario.
 
O reverso mantense para María, representada como Piedade co fillo morto. É unha figura quizais máis lograda que a do cristo, saíndo máis do material, cun maior volume. Lógrase ademais un gran traballo nas faccións da Piedade, mostrando unha serenidade e viveza que no século anterior amosaba unha maior rixidez. Xosé Fuentes deixa constancia da costume que había de enterrar xunto os cruceiros, fetos ou nenos nados mortos, que o estar sen sacramentar, non podían depositarse no cemiterio.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 12.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.