Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A fonte da praza do Peirao é unha feitiña peza redonda do século XVIII. Antes dos sucesivos recheos, o mar chegaba alí

Cruceiro con escolta en Mourente

Na parroquia de Mourente, xusto diante do cruce dende o que se vai ó parque de verán do Casino Mercantil, atopámonos cun fermoso cruceiro que, curiosamente, aparece escoltado por unha figuriña que se atopa vixiante e protectora. As terras de Mourente son ricas neste tipo de elementos artísticos e etnográficos. Os cruceiros son dende sempre moi representativos no seu patrimonio, algo que non pasou desapercibido para o propio Castelao, que no seu álbum 'As cruces de pedra na Galiza' incluiu numerosos cruceiros desta parroquia.

 
Nesta ollada chama a atención ese escolta que atentamente non lle saca ollo ó Cristo. É unha situación moitas veces vista nas nosas procesións relixiosas, nas que as forzas da lei amosan a súa disciplina ante a imaxe relixiosa, sendo protectores físicos dela e transmitindo ó fiel a sensación de fidelidade.
 
No pedestal que sustenta o cruceiro podemos ler a inscripción "Se hizo por Manuel Moreira a devoción de su difunto padre, año 1863", pouco tempo despois de que se crease o corpo da Garda Civil, que baixo a dependencia do Ministerio da Gobernación naceu tal e como hoxe o entendemos, trala Guerra Carlista en 1844. 
 
Durante a creación do cruceiro este corpo estaba nacendo, polo que se emprega para aumentar o sentimento de respecto e protección da peza, decidíndose a súa inclusión nel co traxe da época de construción do referido cruceiro.
 
A partir dese gran pedestal, xorde unha columna cilíndrica, na que atopamos unha gran serpe arredor dunha caveira con dúas tibias pintadas en branco. O seu final é un fermoso capitel (cunha meritoria labra) no que se instala unha cruz recta que leva por un lado o Cristo ó que un San Francisco de xeonllos se lle achega. No outro lado aparece a Virxe, que leva o neno no regazo, e dous anxos que a coroan. 
 
A súa policromía nos remite a outros tempos nos que a pedra adoitaba aparecer pintada, caleaban as fachadas das vivendas, e en tempos pretéritos se chegaba a pintar as igrexas, polo que este cruceiro de factura aínda recente serve para ver como as cores se incluían dentro de moitas das pezas do noso patrimonio.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.