Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Un senlleiro conxunto arquitectónico de principios do século XX confórmano o Concello, o Instituto Valle-Inclán, a Deputación, a antiga sede de Educación, Alameda e xardíns de Vicenti e As Palmeiras

Castelao de Francisco Leiro no Café Moderno

 

No xardín do Café Moderno, nun fermoso recuncho, atópase, dende setembro do ano 2003, unha figura de Castelao realizada polo escultor Francisco Leiro. A peza, un gran bloque de granito, funciona como un menhir, unha especie de tótem fincado na terra, moi próximo a unhas mesas e a un café onde a bo seguro moito debatiu Castelao sobre política, arte, cultura, e tantos e tantos temas que tiña para a conversa o de Rianxo. 
 
Francisco Leiro optou por unha representación sen moitos trazos, algo característico do seu estilo que lle serve para reivindicar os oficios artesanais, optando por cubrir a figura cunha coroza de palla. A idea xurdiulle ó autor cando se achegou a visitar o patio e, ó ver as altas palmeiras, veulle a mente ese autorretrato que o mesmo Castelao fixera coa indumentaria tradicional. Así o representa, e así tamén se unen dous homes representantes de dous tempos moi distintos para Galicia. 
 
Castelao, licenciado en Medicina, parece que lle importaban as súas actitudes artísticas máis que o seu desenvolvemento. Tras opositar ó corpo técnico do Instituto Xeográfico e Estadístico, acada a praza en 1916 en Pontevedra, onde residirá ata 1936. Foi colaborador de publicacións como A nosa terra ou Nós.
 
En 1931, coa proclamación da República é elixido deputado pola provincia de Pontevedra. Nese mesmo ano funda en Pontevedra o Partido Galeguista. No 1934 publica Retrincos, Os dous de sempre e a edición definitiva de Cousas. Cando se atopaba en Madrid para entregar o texto do Estatuto de Autonomía de Galicia, acabado de plebiscitar sorpréndeo o inicio da Guerra Civil, marchará a Bos Aires, onde residiu dende 1940 a 1950.
 
Francisco Leiro naceu en Cambados. A súa arte rexeneradora da escultura galega dende os anos oitenta elevouno á escena internacional, pero nunca deixou de lado as súas raíces. As súas obras xogan entre o primitivismo e a plasmación do home, e nelas moitas veces mestúrase un humor entre o pop e o surrealista, quizais referente dese humor que ten o galego. Algo que relaciona o seu discurso e a estes homes galegos, unidos xa para sempre a partir desta peza.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.