Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

No último cuarto do XIX actúan no interior do recinto amurallado, ensánchanse epaviméntanse gran cantidade de rúas e derrúbanse moitos tramos de soportais

Capitel do Concello de Pontevedra

 

O Concello de Pontevedra, edificado onde se atopaban as coñecidas como 'Casas del Concejo', amósase como un fermoso palacete de gusto ecléctico. Fixo o seu deseño o arquitecto Alejandro Rodríquez Sesmeros que, como conta Xosé Fortes Bouzán na súa 'Historia de Pontevedra', colocou a primeira pedra o 10 de outubro de 1877 e a última o 25 de xullo de 1879, finalizando totalmente as obras o 4 de agosto do ano seguinte, cando se procedeu á súa inauguración. 
 
Así, as súas dúas plantas aparecerán ornamentadas fortemente nas sobreventás, con escudos da cidade no piso superior e as columnas que potencian a parte central do edificio, colocándose un almofadado nas esquinas. O edificio coróase cunha balaustrada, un reloxo nunha especie de peite e catro xerras nas súas esquinas.
 
De entre os motivos que se poderían destacar deste harmonioso conxunto, cheo de equilibrio, deterémonos nun dos seus capiteis; un dos catro que coroan as columnas que sobre un gran pedestal nos reciben na entrada. Se os das columnas do piso superior son capiteis corintios, estes, máis próximos ós visitantes, están moito máis adornados e pola súa composición semellan capiteis corintios romanos compostos, que foron ideados polos romanos para enriquecer a ornamentación dos seus arcos e edificios, e habitualmente colocábanse ante un muro e sobre un pedestal elevado, como neste caso. 
 
Resulta curioso ver como o arquitecto substitúe algúns aspectos dese elemento clásico por outros máis propios ou máis achegados a esta terra, como pode ser a aparición da vexetación que, en lugar de rodear a columna, descólgase pola súa superficie (da que sobresaen unhas landras) e substitúe ó acanto.
 
Alejandro Rodríguez Sesmeros propugnou nos seus edificios a recuperación de modelos clásicos, de elementos doutras épocas, que neses momentos se agregaban ás diferentes tipoloxías, dándolles unha certa magnificencia e dignidade. Tanto o Pazo Provincial como o Concello son exemplo desta arquitectura, na que o seu arquitecto, tan inxustamente esquecido nas cátedras de estudo, realiza a súa aposta pola historia como inspiración.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.