Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Antes, o treito final do río dos Gafos estaba cheo de lavandeiras, que aproveitaban as súas augas cristalinas

Capela de San Cibrán en Tomeza

Situada nun dos miradoiros de Pontevedra, nas derradeiras estribacións da serra da Fracha, érguese a ermida de San Cibrán en Tomeza. Atópase nun lugar elevado, aspecto común en moitos santuarios galegos, quizais pola vinculación destes espazos sagrados con antigos cultos pagáns. 

 
A ermida, situada nun amplo espazo que se enche o día da súa festa, coincidente co luns de Pascua, amósase como un pequeno recinto cunha planta rectangular de máis ou menos 5 metros de ancho por 15 de lonxitude. Unha teitume a dúas augas, un sinxelo arco de entrada e uns poucos vans nas súas paredes son os motivos construtivos deste santuario do que a comarca pontevedresa é tan devota.
 
Máis que do aspecto arquitectónico, falar de San Cibrán e falar da súa romaría, do seu rito e dos seus milagres. Cando o luns de Pascua moitos romeiros se achegan a este lugar van a honrar a San Cipriano, santo que na súa mocidade tivo contactos coa bruxería, e de aí viría o seu culto para sacar o meigallo. 
 
En relación ó santuario pontevedrés, unha antiga lenda conta que a imaxe que alí se venera foi atopada de xeito casual por un labrador fincada na terra. Cando os veciños a quixeron levar á igrexa de San Pedro, tamén en Tomeza, os bois que tiraban do carro negáronse a seguir, e tiraron cara o lugar onde se atopa agora a ermida. Ata ese lugar comezaron a chegar moitos fieis para curar as súas doenzas especialmente o meigallo, ese mal que a nosa tradición asociou co mal de ollo ou feitizo provocado por unha meiga. A nosa provincia é rica neste tipo de crenzas, e así, son moitos os santuarios 'especializados' nesta actividade.
 
O ritual pontevedrés fálanos de como unha vez feita a ofrenda á imaxe do santo o fiel ten que dar nove voltas á ermida, mentres no transcurso de cada volta debe lanzar unha pedriña ó outro lado da capela, mentres se van orando unha serie de rezos. Os numerosos fieis que ata o santuario se achegan nese luns de Pascua viven unha xornada a camiño entre a relixiosidade e o aspecto lúdico, xa que é tradicional subir co roscón de Pascua e algún alimento máis para así gozar dunha xornada ó aire libre.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 26.05.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.