Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A Casa das Campás é un edificio municipal cedido á Universidade para ubicar nel o seu Vicerrectorado. Foi restaurado, pero conserva a fachada, do século XV

Capela das ánimas

 

A desaparición do antigo hospital de San Juan de Dios modificou a estrutura dunha parte da nosa cidade. A actual praza de Curros Enríquez viu como o gran complexo sanitario deixaba un enorme espazo que o tempo rapidamente se ocupou de encher. Por un lado coa creación do grande edificio que erixiu o empresario Saturno Varela, pero o redor xurdiron outras construcións, como a que nos ocupa nesta ollada. 
 
A Capela das ánimas agóchase tras ese edificio, onde hoxe se atopa o Casino Mercantil, na Travesa das Ánimas, e a súa construción veu recuperar para ós veciños, que non entenderon o seu derrubamento, a igrexa que se atopaba dentro do hospital. A reacción do pobo foi inmediata, e así, un ano despois do derrubo do hospital, unha sesión municipal do 25 de xullo de 1897 recibe unha instancia deses veciños solicitando a construción pola súa conta da Capela das ánimas. A solicitude, como ben relata o doutor Antonio Días Lema no seu libro 'Historia del Hospital de Pontevedra, 1890-1955', foi aprobada o 15 de marzo de 1898.
 
A construción desta modesta capela recupera elementos procedentes do estilo Gótico, e así, os seu arcos apuntados e un pequeño rosetón orixinan unha edificación moi modesta, que responde plenamente a este estilo recuperado en moitos exemplos historicistas. Recrea pola súa estrutura un pequeno relicario, moi do gusto do mundo Gótico, xa non só na ourivería, senón tamén nalgunhas edificacións senlleiras dese período artístico.
 
O concello fíxose cargo da obra e acordou instalar no seu interior unha placa cos nomes das persoas que coa súa colaboración económica sufragaron a capela. O seus nomes foron: Marqués de Riestra, Luis Sobrino, Fernando Campo, Aquilino García, Celestino Reguera e Pedro Martínez. Xunto á construción da capela, o derrubamento do hospital deixou outros recordos da súa presenza na cidade,, como o seu reloxo, instalado nunha das torres do santuario da Peregrina, e a imaxe da Misericordia, presente no hospital e que se trasladou ó convento de San Francisco onde a súa confradía, unha das máis importantes da cidade tiña a súa sede.
    O máis buscado
    Navegador

    O Concello

    Pontevédrate

    Áreas

    Pontevedra participa!

    E máis

    Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2011 polo Concello de Pontevedra.